Blogue

Como mellorar as relacións familiares: a proba do veciño

A vida familiar na nosa casa non sempre transcurre en paz e harmonía. A convivencia a veces complícase e acabamos berrando e comportándonos dun xeito pouco axeitado cos nosos seres queridos.

As relacións familiares tensas repercuten no noso benestar e na nosa saúde psíquica. Razóns máis que suficientes para intentar melloralas, non? Para lograr unha boa convivencia  é fundamental traballar o autocontrol, e disto vou a falarvos hoxe.

 

Como psicóloga recoméndovos a “proba do veciño”

Imaxina que estás na casa coa túa familia, berrándovos por calquera motivo, con pullitas varias e incluso algún descalificativo. Os cativos deixaron tódolos xoguetes espallados, a túa parella non colabora nas tarefas diarias… Odiseas diversas! Seguro que non che costará imaxinar a estampa. E de repente… Un veciño tímbravos! En cuestión de segundos todo se calma (aparentemente): baixase o ton de voz e ordéase un pouco por riba a casa (recollemos eso que está tirado no chan, apartamos a montonera de roupa da silla…), invitámolo a pasar, ofrecémoslle algo para tomar e larapexamos un pouco. E ao mesmo tempo esa tensión que tiñamos parece desvanecerse.

Está claro que si queremos podemos controlarnos e non andar a berros. O curioso é que necesitemos a alguén alleo para exercitar o noso autocontrol, non cres?

 

Por que non intentalo?

Serías capaz de comportarte cos teus fillos/parella/irmáns/pais… un día enteiro como si tiveses un invitado na túa casa?

Trátase de que intentes pasar un día enteiro como si o teu veciño vos estivera observando. Serías capaz de non decirlles nada aos teus que o veciño non poidera escoitar?

A moitas persoas resúltalles moi moi difícil, pero hai que intentalo, os resultados son moi beneficiosos. Tanto a ti como ás persoas coas que convives necesitades que vos falen de forma respetuosa e cariñosa, evitando palabras de desaliento, comentarios duros, e demáis críticas destructivas que se vos colan diariamente polos roces do día a día.

 

Que se consegue coa proba do veciño? Autocontrol

Trátase de traballar o autocontrol e comprobar que existe un modo máis adecuado de relacionarse con nosos pais, parella, fillos, irmáns ou compañeiros de piso.  Non fai falla que esté presente un veciño para comportarse dun modo correcto e equilibrado.

As visitas inoportunas poden ser fastidiosas, pero tamén poden ser un bálsamo para as situacións tensas. Practica esta proba unha vez á semana e observa os resultados!

 

proba veciño

Bibliografía

Punset, E. Brújula para navegantes emocionales (2008).

 

Janet Díaz Portela

Psicóloga en Lugo

 

Dille a un psicólogo como conduces e dirache como es

Un feito tan cotiá como conducir revela moito de nós. Normalmente non acostumamos a analizar como conducimos, nin moito menos nos cuestionarnos se o noso estilo ao volante é unha manifestación da nosa personalidade e dos nosos problemas emocionais.

 

A personalidade ao volante

A nosa personalidade inflúe indiscutiblemente na forma que temos de conducir. Para manexar un coche precisamos dunhas destrezas de coordinación motoras, pero só con isto non abonda. Temos que decidir se aceptamos ou non as normas de circulación e ademáis temos que tomar moitísimas microdecisións ante situacións ambiguas. E de que depende isto? Da nosa personalidade e das nosas emocións.

 

Como ser un bo conductor en Lugo (ou en calquera outro lugar)

Para ser un bo conductor hai ter bos reflexos, controlar os cambios de velocidade, a freada, a posición das mans no volante e demáis elementos técnicos. Pero tamén é fundamental saber xestionar as nosas emocións e tolerar a incertidumbre.

Os pilares básicos da boa conducción son: ser sensatos, racionalizadores e saber atemperar as emocións. Aspectos nos que precisamente máis floxos andamos…  E digo eu, isto onde se aprende? Nas autoescolas non o ensinan, non concesionarios tampouco, nas aseguradoras máis do mesmo… Nin sequera se comproba nas probas psicotécnicas!

En xeral, conducimos dominados polas nosas emocións e, en máis ocasións das desexadas, acabamos perdendo o control. Excusas como “é que tiven un mal día” non serven. Quen é o que conduce, o mal día ou ti? Quen toma as decisións, o mal día ou ti?  Es ti o que pisa o acelerador porque non sabes xestionar esa ira que che provocou un comentario do xefe. Es ti o que se salta as normas porque non toleras a frustración ao non conseguir chegar aos obxetivos de vendas… Es sempre ti. Ti de boas, ti de malas, tin con présa, ti tranquilo, ti cabreado, ti feliz… Conciénciate, se conduces coma un toleirán é responsabilidade túa, non das túas circunstancias.

Así que se tiveches algún conflicto familiar, no traballo, se rifaches cun amigo ou o que sexa que che pase, non descargues o teu malestar na carretera. Vaite ao ximnasio, turra contra unha parede, pero non poñas en perigo a túa vida, nin a dos demáis.

 

Que hai detrás dun conductor hostil?

Sinxelo: unha persoa que ademáis de ter unha pobre autoestima, carece de autocontrol e non sabe xestionar nin os seus problemas nin as súas emocións. Sabedes a que tipo de conductores me refiro? A eses que se inchan ao volante créndose os reis do asfalto, os que pensan que son intocables e fan cafradas sen ter en conta que na carretera hai máis persoas que poden sufrir as consecuencias das súas imprudencias.

Crense os reis da carretera porque iso apórtalles unha falsa ilusión de control. Si, falsa ilusión, porque a realidade é que non controlan nin os seus sentimentos. Por máis que aceleren, por máis cabalos que teña os seus coches ou por moitos coches que adianten, non se converten en seres superiores, só deixan claro cales son as súas debilidades.

Un coche non é un medio para demostrar nada, nin a un mesmo, nin aos demáis. Un coche é só un medio de tranporte. Utilizar o coche para cubrir necesidades, para ocultar debilidades ou para disimular carencias pon de manifesto que algo falla nese conductor, na súa autoestima e na súa seguridade. Por moi flamante que sexa o pepinazo que conduza, non lle vai axudar a converterse nunha versión mellorada de si mesmo.

 

Conducción como medio de expresión

O tipo de coche que temos, a cilindrada, a cor, a nosa maneira de conducir… Ao final é todo unha expresión de como nos movemos na vida, a tódolos niveis, e incluso pode ser máis real que noutros ámbitos. Nunha carretera non sabemos o que vai a ocorrer, por iso ao volante se expresa a personalidade tan vivamente, sen máscaras.

Se ti es unha persoa agobiada e cun medo terrible a morrer, a que che pase algo malo, que vas a facer? Ir a 60 cando podes ir a 100, por exemplo.

Se en cambio ti te cres o mellor do mundo, pero sintes que a xente non te valora, que fas? Colles o coche, ferro a fondo e fas todo o posible por deixalos a todos atrás… Que ninguén sexa capaz de adiantarte. Mecanismo de compensación activado!

As persoas moi obsesivas, por exemplo, á hora de aparcar teñen que deixar o coche completamente perfecto, e se está un chisquiño torcido volven a aparcar de novo ata que quede marabillosamente estacionado. E se detectan un rascón?Dra-ma.

As persoas pasivo-agresivas non pitan, non bracean, non enumeran aos nosos mortos ou aos nosos proxenitores. Pero veremolos sempre pegados ao noso cu. Ainda que non o manifesten abertamente, rezuman hostilidade, rezuman agresividade. Tamén os recoñecerás porque non che facilitarán as incorporacións.

 

Como lle pode axudar un psicólogo a un conductor

Cando un conduce mal, en moitísimas ocasións, é porque non se atopa ben. Ven a verme!

A conducción temeraria é un sinal de que algo en ti non está ben (polo menos na maioría das ocasións). Obsérvate e se detectas algún problema sempre podes acudir a un psicólogo.

Mentalizate de que os coches son armas de doble gume, pódente levar máis rápido, pero tamén podes acabar tendo un accidente. Así que cando te montes no coche, en vez de intentar solucionar os problemas pisando o acelerador, centrarte no que estás facendo: conducir.

mal conductor

Janet Díaz Portela

Psicóloga en Lugo

 

Non quero ter fillos, e que?

Ter fillos… Neste artigo vou a falarvos dun tema que as mulleres, sobretodo a partir de certa idade, nos atopamos ata na sopa: a maternidade.
Convídote a que te pares a a pensar nas preguntas que se lles fan ás mulleres e en cambio aos homes non. A moi poucos homes se lles interroga sobre si son pais ou non, sobre si teñen ou non teñen fillos ou os motivos de tal decisión. En cambio, ás mulleres presiónasenos ata niveis insospeitados.

 

Ser nai é unha elección, respétao

“E ti, non tes fillos?”

“Ohhhh, non che gustan os nenos?”

“Pero, por que non tes fillos?”

“Xa verás como vas cambiar de opinión”

“Que se che pasa o arroz!”

“Cando vas ter fillos?”

“Vaste arrepentir!!!”

(Por suposto estas frases van sempre acompañadas de miradas de reprobación).

E digo eu, por que tanto empeño en que nos quedemos preñadas? Sospeito que son os coletazos do catolicismo misturado cunha boa dose de burramia.

Si, si, neste país “aconfesional” (non ven ao caso, pero ía sendo hora de que un presidente xurara o cargo sen biblia e sen crucifixo) onde a relixión nos deixou unhas tradicións e crenzas tan a prol da muller. A que me refiro? Pois a que parece que as mulleres estamos aquí para ser nais e coidadoras, e pobre da pecadora que non cumpla con esta obriga! Nunca rezarán suficientes Avemarías para redimir o agravio de non quedarse preñadas!

Pode soar cómico, pero nesta sociedade (supostamente avanzada) parece que ser nai é unha imposición para toda muller. A que non o sexa convértese en pouco menos que nunha alimaña despiadada e desnaturalizada.

 

Motivos para non ter fillos

Ante todo quero deixar claro, clarito, clarinete que non querer ter fillos é unha elección persoal. Ningunha muller ten porque dar explicacións de por que é nai ou non o é, do mesmo xeito ninguén debería ir preguntando (nos peores casos esixindo) os argumentos de rexeitar a maternidade.

Así que ti, muller sen fillos, se alguén che volve a insistir en que sexas nai, di basta a esa intromisión. Un zasca en toda la boca que me encanta (e que te animo a que probes) e soltar a perlita de que “ao ver a túa prole quítanseme as ganas”. Yassss!

Mensaxe para os “metomeentodo”: deixade de pedir explicacións de cousas que non vos incumben. Hai moitísimas razóns polas que as mulleres non queren ter fillos, para mostra un botón (ou varios):

  • Ter unhas prioridades nas cales os fillos non entran.
  • Problemas de conciliación. Si, no ano 2018 as mulleres ainda estamos moi desfavorecidas; quedarse embarazada sigue supoñendo un risco de perder o posto de traballo ou a posibilidade de ascender. Tede en conta que hai moito empresario que se coida de non contratar a mulleres fértiles.
  • Non sentirse preparada. Hai mulleres que non se sinten capacitadas para educar e responsabilizarse dun bebé e por iso deciden non facelo.
  • Motivos económicos. Os fillos non veñen cun pan debaixo do brazo, veñen cun montón de necesidades: cueiros, alimentos, roupa…
  • Non lles gustan os nenos. Decir que non che gustan os nenos pode parecer unha idea pouco piadosa de mulleres desnaturalizadas, pero… Entón por que hai hoteis, restaurantes, plans de viaxes, etc. libres de nenos?
  • Ter unha vida plena. Si, hai mulleres que consiguen ter unha vida plena e non necesitan ter fillos para encher ningún oco e ser felices.

 

Para rematar

Este artigo non está feito dende o ataque ás nais/pais, e tampouco dende o victimismo. Escribo dende a crenza de que ter ou non ter fillos non é o que nos define como mulleres. Desexaría que se vira ás mulleres polo que realmente somos, exactamente igual que se fixo sempre cos homes.

As mulleres sen fillos non somos nin peores nin mellores que as que son nais. E encantaríame que a partir de agora cando teñades diante a unha muller sen fillos, non lle preguntedes cando pensa telos, non a xuzguedes. Quizais non quere, quizais non pode. E isto só debería importarlle a ela.

 

 

elección fillos

Janet Díaz Portela

Psicóloga en Lugo

Mantés unha relación tóxica? Desfaite dela!

Estar sumido/a nunha relación tóxica é moi prexudicial. Podes estar inmerso/a nela sen decatarte, por dependencia emocional, por medo aos cambios e por unha infinidade de motivos máis. Pero a realidade é que nada xustifica que aguantes ao teu lado a unha persoa dañina.

Se ti, a túa parella ou os dous sufrides máis do que disfrutades da vosa relación, é moi probable que a relación que manteñades sexa tóxica. Que teñas unha relación deste tipo non implica necesariamente que ti sexas tóxico/a, simplemente esa unión non te beneficia.

Este artigo está encamiñado, única e exclusivamente, a que recapacites. Dunha forma clara e directa ireiche facendo preguntas, ogallá che fagan reflexionar.

 

Factores que te fan máis vulnerable a vivir nunha relación tóxica

Os seguintes factores fan as persoas máis vulnerables a ter relacións tóxicas, pero non as abocan necesariamente a elas. Enténdeo coma un sorteo, cantas máis papeletas teñas, máis probabilidades terás de que che toque o “premio”.

1. A túa autoestima

Tes unha autoestima alta ou máis ben baixa? Se tes unha baixa autoestima cres que te sentirás digno/a dun amor san e equilibrado? Probablemente esteas tentado/a de conformarte con calquera tipo/a, con tal de que che faga algo de caso…

2. A historia de amor de teus pais: entre eles e hacia ti

Queríanse? Respetábanse? Sentíaste querido/a? Tratábante ben?

A relación amorosa que mantiñan teus pais e a forma en como te trataban inflúen moito nas crenzas que teñas sobre o amor. O pasado non determina o teu presente, pero si o modula.

3. Relacións pasadas

Tiveches sorte de disfrutar de relacións sanas e equilibradas ou polo contrario viviches unha chea de relacións que foron unha auténtica tortura?

Será que estás escollendo unha e outra vez un perfil de parella similar? Por que?

4. O que a sociedade che di que é o amor

Ese amor romántico de película onde todo é tan perfecto como nun anuncio de compresas.

Xa sabes a que me refiro:

  • o amor todo o pode,
  • se a túa parella é celosa é porque está moi namorada,
  • no nome do amor pódese e débese sufir.

Créelo?

 

Estás nunha relación tóxica?

Unha relación tóxica é un lastre para ti, pero moitas veces non somos conscientes de que estamos nunha. A continuación ensínoche a identificala:

1. Violencia física e/ou psicolóxica

Temos máis ou menos claro o que é a violencia física, pero a psicolóxica é máis sutil e difícil de identificar. Debes saber que a violencia psicolóxica é igual de importante que a física. Repito, a violencia psicolóxica é igual de importante que a física.

Humíllate? Despréciate? Mínteche? Íllate? Non atende as túas necesidades emocionais? Contrólate?

Se a algunha, ou a moitas, destas preguntas respondes cun si, ollo! Estás nunha situación de perigo.

2. Dependencia emocional

Necesitas a túa parella para vivir? Cres que a túa parella é imprescindible na túa vida? Ou polo contrario elixes, prefires, desexas a túa parella sabendo que sen ela tamén poderías ser feliz?

Se respostaches ás dúas primeiras preguntas cun si… Alerta!

Se contestaches á última pregunta cun si… Parabéns! Librácheste dunha boa.

3. Queres a túa parella ou cres querela

Amas a túa parella de forma incondicional con virtudes e defectos ou pola contra intentas cambiala? Desexarías que fose unha persoa distinta e ao non logralo sufres (e faslle sufrir a túa parella)?

 

Que facer se estás nunha relación tóxica

Unha relación tóxica é sufrir, e sufrir non é igual a amor. Polo tanto, se non tes amor dentro da túa relación de parella, por que permanecer nela?

1. Toma unha decisión

Corta coa relación, pero non de calquera maneira, de forma radical!

2. Pon distancia

Isto significa contacto cero, polo menos durante un tempo. Evita velo/a e saber del/dela:

  • esquécete de quedar con el/ela,
  • non o/a chames nin lle collas se te chama,
  • nada de mandar whatsapps,
  • deixa de seguilo/a no facebook, instagram e demáis redes sociais,
  • intenta que el/ela non sexa o teu monotema e o teu monopensamento.

Esa relación é tóxica para ti, e para lograr desintoxicarte é imprescindible poñer distancia.

É difícil? Si.

É imposible? Non.

3. Fai cambios na túa vida

A mellor historia de amor que podes vivir é contigo memo/a, moitivo máis que suficiente para tratar de mellorala.

É moi habitual que despois dunha relación tóxica a túa autoestima estea polos suelos, por iso é importante que trates de traballala. Se non o podes facer solo/a recoméndoche que busques axuda profesional, eu como psicóloga en Lugo estarei encantada de botarche unha man.

 

Para rematar

Se xa tes claro que estás metido/a nunha relación tóxica, a que esperas para facer algo? Unha relación tóxica é igual a sufrimento, e gustaríame que che quedase claro que o sufrimento é incompatible amor.

Non permitas que ninguén condicione a túa felicidade.

amor

Janet Díaz Portela

Psicóloga en Lugo

 

Beneficios do deporte no cerebro

Ainda que a maioría das persoas coñecen os beneficios que aporta practicar deporte a nivel físico, non todas parecen percatarse dos de carácter psicolóxico. Como cho conto, o cerebro tamén se enriquece co deporte! Nos últimos anos demostrouse científicamente que existe unha relación directa entre a realización de exercicio físico de forma regular e o benestar mental das persoas.

 

Vagancia máxima

O noso estilo de vida tende ao sedentarismo, gústanos máis apoltronarnos no sofá que poñernos a facer algo de deporte. E esta situación non é exclusiva da poboación adulta, estase trasladando á infancia e á adolescencia. Os xogos tradicionais onde primaba a actividade física están sendo relegados a un segundo plano polos aparellos tecnolóxicos. Vivimos nunha sociedade onde @s nen@s pasan máis tempo sentadiñ@s, sen dar a lata, enganchados aos smartphones, tablets ou  videoxogos que movéndose e socializando… Reflexionemos, por favor.

Ademáis do mal uso das tecnoloxías, excusas como estar cans@s, o mal tempo, a desgana ou contar con pouco tempo libre, están á orde do día para xustificar a nosa inactividade física. Por si fora pouco tamén temos que facer frente a conflictos de intereses, no meu tempo de ocio saio a facer deporte, arranxo a casa, póñome ao día con papeleos varios, descanso as pálpebras ou vou tomar unhas xerras ao bar? Miña naiciña, cantas opcións!

 

Motivación

Ainda que non nos apeteza facer exercicio, como che comentaba antes, o noso cerebro necesítao. Se segues estes sinxelos consellos conseguirás un extra de motivación para facer algo de deporte (que xa sei que boa falta che fai).

  1. Fai algo que che guste: Existen moitas opcións, tan só tes que buscar a que mellor se adapte aos teus gustos e necesidades: correr, camiñar, bailar, ir ao ximnasio, nadar, montar en bici…
  2. Empeza pouco a pouco marcándote obxetivos fácilmente alcanzables. Para comezar busca unha rutina sinxela, é importante que te poñas unhas metas realistas, xa que si fracasas dende o principio xerarás resistencia mental para volver a comezar.
  3. Fai exercicio en grupo: si practicas deporte con outras persoas fomentarás un sentimento de pertenza ao grupo que te protexerá do abandono. Ademáis permitirache aumentar o teu círculo social. Doble beneficio, oiga!
  4. Establece actitudes positivas hacia a actividade física: non o vexas só como un sacrificio para lograr un obxetivo. Disfruta da experiencia.
  5. Emprega un auto-rexistro: confecciona unha táboa na que anotar os días, a duración e o tipo de exercicio que practiques. Servirache para organizarte e dunha forma rápida poderás percatarte de sinais de alarma como a baixada da frecuencia da práctica.

 

Beneficios de practicar deporte a nivel cerebral

  • Aumenta a capacidade cerebral

Estudios neurocientíficos evidenciaron que ao facer exercicio se crean novas neuronas nalgunhas rexións cerebrais e, ademáis, xéranse novas conexións entre elas. Contrariamente ao que se cría, estas novas sinapsis pódense estimular ao longo de toda a vida, incluso na terceira idade.

  • Mellora o estado de ánimo

É dicir, fai que nos sintamos mellor. A realización de exercicio físico favorece a liberación de endorfinas, as “hormonas da felicidade”, o que provoca unha sensación de benestar e relaxación. Tamén axuda a reducir o estrés, xa que coa actividade física aumenta a producción de noradrenalina, un químico que pode moderar cerebralmente esta resposta.

  • Reforza a autoestima

Coa práctica de exercicio melloramos físicamente, e iso axuda a que mellore a percepción que temos de nós mesmos.

  • Mellora o aprendizaxe e a memoria

Ao realizar exercicio de forma habitual increméntase a producción de células no hipocampo, zona relacionada coa memoria e co aprendizaxe.

  • Aminora o proceso de envellecemento cerebral e prevén enfermedades neurodexenerativas como o Alzheimer o el Parkinson

Conforme se van cumprindo anos disminúe a cantidade de materia gris no cerebro, pero a práctica de exercicio físico regular axuda a recuperar ese volume cerebral. Do mesmo xeito, o aumento das sustancias químicas cerebrais que provoca a práctica regular de exercio, axuda a previr a dexeneración das neuronas do hipocampo.

 

Resumindo

O exercicio ten un impacto positivo na nosa mente (ademáis de no noso corpo), sen embargo, o estilo de vida máis habitual tende ao sedentarismo, o que conleva considerables problemas para a saúde.

Coa práctica de exercicio constante conseguiremos unha plasticidade cerebral extra, o aprendizaxe e a memoria mellorará, pode aminorar o proceso de envellecemento e prevén a aparición de enfermedades como o Alzheimer ou o Parkinson. Isto non quere dicir que polo mero feito de facer exercicio a xente se vaia a convertir en inmortal, milagres a Fátima. Pero si axudará a mellorar ou limitar o efecto de numerosas patoloxías. De verdade vas a renunciar a todos estes beneficios?

Se descoidas o teu corpo, o teu cerebro irá detrás.

 

exercicio

Bibliografía

Nokia, M. S., Lensu, S., Ahtiainen, J. P., Johansson, P. P., Koch, L. G., Britton, S. L. and Kainulainen, H. (2016), Physical exercise increases adult hippocampal neurogenesis in male rats provided it is aerobic and sustained. J Physiol, 594: 1855–1873. doi:10.1113/JP271552

Tseng, B. Y., Gundapuneedi, T., Khan, M. A., Diaz-Arrastia, R., Levine, B. D., Lu, H., … Zhang, R. (2013). White Matter Integrity in Physically Fit Older Adults. NeuroImage0, 510–516.

http://doi.org/10.1016/j.neuroimage.2013.06.011

 

 

Janet Díaz Portela

Psicóloga en Lugo 

Col. G-5097

Como desfacerse dun mal hábito

Os hábitos son patróns de comportamento que realizamos dunha forma casi ou totalmente automática. Adquirímolos a base de repetir unha e outra vez a mesma acción, e ao final acabámolos facendo dun modo practicamente involuntario, sen pararnos a pensalos.

Algúns hábitos son bos, como lavar os dentes despois de comer, embragar para cambiar de marcha, lavar as mans antes de comer, etc. Pero moitos outros non. Morder as uñas, comer demasiadas trapalladas, deitarse sempre tarde, ver en exceso a televisión, acompañar as comidas sempre con refrescos, darlle centos de voltas ás mesmas preocupacións, beber alcohol, xogar as máquinas tragaperras, manter relacións dañinas, fumar, estar pendente do teléfono as 24 horas do día, mover constantemente un pé…

Hai que andarse con moito ollo xa que algúns destes comportamentos nocivos poden sobrepasar a liña do hábito e converterse en adiccións. Non fará falla dicir que non é o mesmo beber un vasiño de viño á comida que embodegarte diariamente.

 

6 pasos para librarte dun mal hábito

Ademáis de esforzo, desfacerte desa mala costume que ameaza a túa saúde e o teu benestar requiere dunha estratexia correcta. A continuación ensínoche 6 pasos que che axudarán a desfacerte dese prexudicial hábito que desexas eliminar.

 

1. Decide cambiar

O máis importante é que queiras eliminar esa mala costume que tes. Pero tamén che digo que é moi difícil desprenderse dun mal hábito só con decidilo. Para conseguilo debes esforzarte; querid@, milagres a Lourdes.

Se queres eliminar un comportamento é primordial que teñas unha boa actitude hacia o cambio. Isto implica que non o interpretes como unha obriga, senon coma un desexo. Modifica o “debo dexar de…” por “gustaríame deixar de…”, pode parecerche unha tontería, pero este pequeno xesto marca a diferencia.

 

2. Analiza o teu mal hábito

Para entender como funciona esa costume dañina que desexas eliminar tes  que analizala en profundidade: cando a fas? Como a fas? Onde a fas? Con quen? Por que a fas?

É importante que examines tódalas situacións que son favorables para que realices o mal hábito, ademáis de averiguar cales son os desencadeantes que o provocan e que o manteñen.

 

3. Diseña estratexias que che axuden a deter o mal hábito

Detrás dun cambio, dunha meta cumprida, hai sempre unha boa estratexia. E para diseñala deberás empregar toda a información recollida no punto anterior.

Unha vez que coñezas en profundidade como funciona o teu hábito, é o momento de coodinar as accións para lograr o teu obxectivo. Para isto é necesario que te formules a pregunta “como o vou a facer?”

 

4. Reemplaza o mal hábito por outro non dañino

Librarse dun hábito prexudicial é difícil, pero se o reemplazas por outra conducta non dañina verás como é moito menos difícil.

Se o teu hábito implica o uso dunha parte do teu corpo, é recomendable que a empregues para facer algo incompatible co comportamento que desexas eliminar. Se fumas, podes xogar cunha pelotiña anti-estrés para ter as mans ocupadas e mascar chicle para ter algo na boca. Se o teu problema é que comes demasiadas trapalladas, podes substituílas por alimentos máis sans. Deixa de mercar chucherías e corta uns bastonciños de cenoria, por expemplo, para cando che entren as ganas de picar algo.

 

5. Persiste

Se durante dous días eres constante pero ao terceiro xa tiras a toalla, non conseguirás erradicar esa mala costume. Os cambios esixen constancia e disciplina, coñeces o refrán que di que a repetición e a nai de calquera habilidade?Xa sabes, repite, repite e repite ata crear o novo hábito.

 

6. Aprende a manexar os lapsos

Ten en conta que os comportamentos automatizados tenden a reaparecer, por iso é vital que esteas preparad@ para saber controlar posibles recaídas no mal hábito. Mantente motivad@!

 

 

Lembra

Para mellorar a túa calidade de vida debes poñerte as pilas. Non esperes a que os cambios sucedan por arte de maxia. Responsabilízate do teu mal hábito e faite consciente de que só ti podes eliminalo.

 

cambio

Bibliografía

Gillian Butler & Tony Hope. Manage your mind: the mental fitness guide (2017)

 

Janet Díaz Portela

Psicóloga Lugo

Col. G-5097

Como detectar a un envexoso

A envexa é un sentimento moi humano, pero hai humanos que envexan demasiado. Trátase dunha emoción que ten que ver co desexo que xorde cando vemos algo que queremos que non posuimos. Éntranos polos ollos, vemos ese coche fantástico, esa persoa excepcional, e ao decatarnos de que nós o non temos ou non o somos, empezamos a experimentar un anhelo dañino.  A peor envexa non é a que ten que ver con obxetos, “quero ter unha casa coma a do veciño”, e moitísimo peor a envexa existencial “quero ser como Martiño”.

Algúns cren que a envexa e os celos son o mesmo. Non é así, ainda que estas emocións vaian da man, se mesturen e se aviven mútuamente, son cousas distintas. Os celos emerxen de algo ou alguén que consideras teu (como a túa parella). A envexa, en cambio, non nace do que ti tes, senon do que o outro ten e ti non.

 

Características das persoas envexosas

  • Comparación constante

As persoas envexosas están constantemente comparándose cos demáis. É habitual que se sintan ofendid@s por persoas que nin sequera coñezan, xa sexa polo seu aspecto físico, pola forma de vestir, pola intelixencia, pola forma que teñan de comportarse ou polo seu traballo, entre outras moitas características.

“Se eu tivera os seus estudios daríalle mil voltas”, “fíxate, crese mellor ca min porque se vai de vacacións”.

Os envexosos comparan as súas vidas coas dos outros incesantemente. Calquera aspecto desexable dunha persoa (apariencia, personalidade, educación…) interprétano como unha ameaza porque lles fai sentirse inferiores. Non coñecen a admiración, só a envexa.

 

  • Burlas

Son persoas que tenden a desacreditar a calquera persoa por calquera motivo, o cal non ten porque ser malo necesariamente, pero que elas sentenciarán coma un aspecto reprochable.

Critican por cousas como: “non ten traballo”, “non ten parella”, “está sempre divetíndose”, “liga moito”.

Estas situacións non son adversas, pero a persoa envexosa empregaráas para lanzar o dardo envelenado co fin de burlarse do outro, co afán de menospreciar.

 

  • Quítanlle o mérito aos demáis

Quítanlle aos outros a importancia dos seus logros. Para eles os demáis conseguiron o que teñen gracias á sorte ou porque alguén lles axudou. Nunca é o resultado do esforzo persoal.

“A ese tiveron que regalarlle o aprobado”, “sempre o demo ten sorte”, “nos últimos tempos vaille moi ben no traballo…ten que estar metido nalgún asusto turbio!”

Fan o posible para evitar que ninguén destaque, e se teñen que inventar ou contar medias verdades para desacreditar os logros de outras persoas, farano.

 

  • Desalientan

Intentan convencer á xente de que non fagan determinadas cousas. Pretenderán disuadirte para que non avances con excusas varias,  para que? Para evitar que poidas destacar máis ca eles.

“Iso non é para ti”, ”non perdas o tempo con iso”, ”para que o vas a facer? Se ao final non che vai a valer de nada”.

Venderancho como unha recomendación, pero moito ollo, non buscan o teu ben, só o deles.

 

  • Oféndense por todo

Ao envexosos hai que tratalos con pinzas para non ferilos, eles poden esparcir m**** a diestro e siniestro, pero que non te tente o demo de decirlles algo. Calquera crítica, por moi constructiva que sexa, vana a tomar como un ataque persoal.

“É o que me faltaba, que precisamente ti me dixeras isto”, “pero que dis? Que me estás vacilando?!!”, “non tes ningún dereito a falarme así”.

 

  • Aprovéitanse e desprecian ás persoas “populares”

Se ti te gañas certa reputación, podes estar segur@ de as persoas envexosas van a atacar inmediatamente. A estratexia que empregarán será que eles xa te coñecían antes de que acadaras o teu logro, soltarán rumores mal intencionados sobre ti, botaranche en cara cousas que se supón que fixeron por ti (como se fosen altruistas), e todo para que? Para facerche dano.

“Despois de todo o que eu fixen por ti”, “esa xa sei eu como conseguiu o éxito…”, “tíñalo que coñecer fai uns anos, daba vergoña!”.

 

Resumindo

As persoas envexosas son parásitos que tratarán de devorar a túa ledicia. Por moito que che digan o contrario, a elas non lles interesa que a ti che vaia mellor, senon que che vaia peor.

Aléxate dos envexosos!

envexoso

Janet Díaz Portela

Psicóloga social e sanitaria 

Col. G-5097

Catro indicadores de que unha parella vai por mal camiño

Hai determinados comportamentos nas parellas que son indicativos de que a relación vai ou debe acabar. O psicólogo John M. Gottman leva décadas estudando isto e atopou catro conductas que predicen o final dunha relación, o que el chama os catro xinetes do Apocalipsis.

1. As críticas destructivas

Son as críticas contínuas hacia a outra persoa, nas que hai descalificacións e ataques directos. Trátase de xuízos en contra da parella, non hacia os seus actos e, por suposto, non aportan nada bo á relación. Temos todo o dereito a queixarnos das cousas que non nos gustan, pero hai que saber diferenciar entre as críticas constructivas e as destructivas.

Un exemplo dunha crítica destructiva sería se lle dis a túa parella “es un egoísta, non tes remedio, só pensas en ti”. Como cres que se vai a sentir esa persoa ao escoitar isto? Probablemente atacada, rexeitada e ferida.

As críticas destructivas inclúen etiquetas, xeneralizacións, exprésanse en segunda persoa, son despectivas e buscan crear culpa e malestar na outra persoa. Unha crítica constructiva, en cambio, refírese a algo concreto do comportamento. Non é o mesmo dicir “sentoume mal que non te acordaras de baixar o lixo” que dicir “eres un inútil, nin de baixar o lixo te acordas!”.

Queixate por algo que fai a outra persoa, non por como é. Non é o mesmo “actuar así” que “ser así”.

2. Estar á defensiva

Si na relación hai unha dinámica tóxica e ante calquera queixa reaccionades atacando ao outro, estádesvos poñendo á defensiva. Culpar á outra persoa (polo que sexa) e facer que se sinta mal, só axudará a alimentar o mal ambiente da parella.

Estar á defensiva, normalmente, trae consigo actitudes non respetuosas hacia o outro. Conleva un ataque como resposta, e este pode ser en forma de reproche, ameaza, xuizos… Se un  lle pregunta ao outro “por que non queres que vaiamos á casa dos meus pais?”, e este responde “porque ti tampouco queres ir á dos meus”, está atacando, facéndose a víctima e queixándose; un cóctel que favorece o círculo vicioso do “e ti máis” (tan maduro como as discusións de patio de colexio).

Se a vosa relación se basea en culpar e responsabilizar ao outro do conflicto, se carecedes de autocrítica, tendedes á xustificación e incluso ao victimismo, os conflictos non só non se van a resolver, senon que van a empeorar. Recordade, os humanos somos seres racionais: intentade aceptar as críticas (constructivas) e interesádevos pola opinión da vosa parella.

Por favor, esquecede iso de que “a mellor defensa é un ataque”.

3. Atrincherarse

Atrincherarse? Seguro que si que sabes o que é, e incluso o teñas feito ou padecido. Esta actitude maniféstase cando un dos membros da parella está plantexando algunha queixa ou crítica e o outro mostra indiferenza.

Se vos cerrades en banda, deixando ao outro  de lado, estades dando a enterder que os sentimentos e opinións da outra persoa non vos importan. Facer como que non se escoita, mirar para outro lado, poñerse a trebellar co teléfono móbil, facer como que o outro non existe… son actitudes dañinas para a parella que alimentan os sentimentos de rabia e resentimento.

O contrario ao amor non é o odio, é a indeferenza. Se a vosa parella vos é indiferente ou viceversa, quizais sexa o momento de emprender camiños separados.

4. O desprecio

Este é o “xinete” máis perigoso. O desprecio vai da man da actitude de superioridade e de falta de respeto hacia a outra persoa. Maniféstase con burlas, humillacións, sarcasmo, xestos, ameazas, insultos, con imitacións ou con palabras con intención explícita de dano.

“Teño que repetircho cen veces porque eres fat@ ou é que non entendes o galego?”. Non fai falla explicar as consecuencias negativas que conleva este tipo de comentarios despectivos nunha relación de parella (ou en calquera relación interpersoal).

O desprecio emprégase para infravalorar á outra persoa, a mensaxe é “eu son mellor ca ti”. Isto non é compatible co amor e predice dunha forma moi segura o fin dunha relación. É imposible solucionar un problema se a túa parella pensa (porque decidiu) que non estás a súa altura, e, dende logo, ti non deberías seguir nunha relación na que a túa parella che fai sentirte mal.

Lembra

Todas as relacións teñen conflictos, períodos bos e períodos malos. Pero si a túa parella se burla de ti, te desprecia, te humilla, e nunca asume a súa parte da responsabilidade nos problemas: DEIXA@!

Non permitas que ninguén te trate mal; iso non é amor, é dependencia emocional.

relación

Bibliografía:

John M. Gottman (2010). Siete reglas de oro para vivir en pareja: un estudio exhaustivo sobre las relaciones y la convivencia.

Janet Díaz Portela

Psicóloga social e sanitaria 

Col. G-5097

Axuda para combatir o estrés, o insomnio e a ansiedade.

Hoxe vou a falarvos da técnica da relaxación muscular progresiva, un método que nos axuda a tranquilizarnos e a reducir o nerviosismo. Trátase dunha ferramenta útil para calquera persoa que queira sentirse mellor, pero é especialmente axeitada para aquelas que teñen problemas para durmir, de estrés ou de ansiedade.

A relaxación muscular progresiva é unha das técnicas máis empregadas pol@s psicólog@s para reducir a tensión física e mental. Baseáse na relación que existe entre músculos, pensamentos e emocións. Consiste en aprender a detectar a tensión nos músculos e despois eliminala, focalizando a atención nunha serie de grupos musculares para ir aliviando deste xeito as tensións, posibilitanddo acadar un estado de repouso e de calma mental.

 

Vivimos moi estresados

Lugo é unha provincia bastante tranquila, temos moito verde (montes, chairas, vales) e moita auga (ríos, regatos, mar, fontes, lagoas, fervenzas). Debería ser fácil relaxarnos neste entorno privilexiado. Pero, conséguelo?

Preocupacións, obligacións, traballo, familia, esixencias sociais… O frenético ritmo da vida actual fai que andemos acelerados, e isto provoca que moitas persoas nos sintamos cansadas e estresadas a maior parte do tempo. Pero tranquil@s, ainda que haxa milleiros de situacións que nos poñen tens@s, tamén existen ferramentas para axudarnos a sobrelevalas.

Non me estou refirindo  á solución fácil da “pastillica” (na miña cabeza soa coa voz de Joaquín Reyes). Ai doutor, estoulle moi estresada: pastillica; doutora, últimamente encóntrome moi nervioso: pastillica. Oiu doutor, faille uns días que non lle durmo nada ben: pastillica. Sinxelo, ti feliz mentres as tomas, e as farmacéuticas ainda máis.

Hai veces que os psicofármacos son necesarios, pero en moitísimos casos son totalemente prescindibles. Estes fármacos enmascaran os síntomas e poden facernos crer que solucionan os nosos problemas, pero non os traballan de raíz. Se consegues deixalos (son altamente adictivos) atoparaste de bruces co problema de novo, por non falar dos efectos secundarios que provocan. Sabías que España lidera en Europa o consumo de fármacos como Orfidal, Valium e Lexatin? Vaia honra… Imos acabar co cerebro frito.

Se te sintes superad@ polas esixencias do día a día, primeiro intenta xestionalo cos teus propios recursos, non dependas dunha menciña. Si, si, si, queremos solucións rápidas e efectivas pero, como ben saberás, as cousas rápidas non soen selo (polo menos a largo prazo) e o que é efectivo non adoita a ser rápido.

 

Proba coa relaxación

A relaxación é un estado de repouso físico e mental. Os músculos están distendidos e a mente libre de preocupacións. Cando te relaxas síntente descansad@, tanto a nivel corporal como a nivel mental.

E a mellor noticia de todas: non é necesario que invirtas en spas, nin en retiros espirituais, nin que lles axudes as grandes empresas farmacéuticas a continuar enriquecéndose para sentirte aliviad@. Sigue lendo e cóntoche como conseguilo.

 

Aprende a técnica da relaxación progresiva

Os exercicios de relaxación son sinxelos de aprender e unha vez que os coñezas, son un recurso que terás a túa disposición toda a vida, e sen efectos secundarios malignos!

En poucas sesións podes aprender a relaxarte, eso si, deberás practicar na casa para obter uns bos resultados. Como? Organizo obradoiros grupais onde ensino e se practican técnicas de relaxación, ou se o prefires, podes solicitarme sesións individuais máis personalizadas.

O próximo sábado imparto unha sesión grupal, ainda estás a tempo de anotarte. Prazas esgotadas.

taller relaxación progresiva

Se estás interesad@ pero cando leas esto pasou o día e pasou a romaría, faimo saber, sempre podo organizar máis obradoiros deste tipo no futuro.

Do mesmo xeito, se tes unha empresa ou participas nalgunha asociación, pídeme información e diseñarei unha proposta que se axuste ás necesidades da túa organización (sen ningún tipo de compromiso).

 

Reláxate e sé feliz.

Janet Díaz Portela

Psicóloga social e sanitaria 

Col. G-5097


Notice: Undefined index: opcion_cookie in /home/psicol31/public_html/wp-content/plugins/click-datos-lopd/public/class-cdlopd-public.php on line 416

Notice: Undefined variable: input_porcentaje in /home/psicol31/public_html/wp-content/plugins/click-datos-lopd/public/class-cdlopd-public.php on line 484