O experimento da prisón de Stanford | Psicólogo Lugo

O experimento do que vos falo hoxe realizouno Philip Zimbardo, colega do noso vello amigo Milgran sobre o que  escribín fai uns meses (ao final do artigo deixo o link). Corría o ano 1971 e este psicólogo quería estudiar o comportamento das persoas dentro das prisións e para conseguilo recreou unha cárcere nun sótano da Universidade de Stanford. Como el mesmo dicía, quería “ver como se comportaba xente boa en situacións malvadas”.

Procedemento

Como en outros moitos experimentos, o estudio anunciouse nos xornais locais. O reclamo eran 15 $ ao día por participante no estudio. Das persoas que se presentaron voluntarias, seleccionáronse a 24; todos homes psicolóxicamente estables e en bo estado de saúde.

Os participantes repartíronse en dous grupos ao azar:

  • 12 deles formarían parte do grupo dos prisioneiros
  • os outros 12 serían os guardiáns

 

Os roles dentro do experimento

  • Alcaide

Zimbardo actuaba como o alcaide do cárcere; as súas funcións eran establecer as normas e observar todo o que  acontecera no transcurso do experimento (xunto con outros observadores).

  • Guardiáns

Os guardiáns vestían cunha indumentaria de estilo militar, con porras e gafas de espello. Tiñan que dirixir o cárcere da forma que a eles lles parecera máis axeitada. O único que tiñan prohibido era exercer violencia física.

  • Prisioneiros

Aos prisioneiros quitáronlles as súas pertenzas e vestían únicamente cunha bata. Púxoselles unha pequena cadea arredor do nocello e unha media na cabeza para simular que estaban rapados ao cero. Chamábanos por un número de identificación, xa que tiñan prohibido empregar os seus nomes. E carecían de calquera luxo, as comidas eran moi básicas e para durmir tiñan soamente un colchón e unha manta.

 

Que pasou no experimento?

En tan só uns poucos días evidenciouse o lado máis oscuro e inhumano das persoas…

Os prisioneiros comenzaron a sufrir humillacións e castigos por parte dos guardiáns. De feito, ao segundo día xa houbo un motín como protesta polas malas condicións nas que se atopaban. Os guardiáns para tratar de neutralizalos, por iniciativa propia, atacáronos con extintores e separáronos en dous grupos: os bos e os malos, coa finalidade de facerlles crer que había infiltrados entre eles.

Co paso do tempo os guardiáns, co propósito de reafirmar a súa autoridade, tomaron medidas cada vez máis duras e someteron aos prisioneiros a vexacións varias:

  • Exercicios forzados
  • Recontos cada vez máis frecuentes
  • Confiscación dos colchóns
  • Ir o baño pasou de ser un dereito a un privilexio
  • Obrigáronos a limpar os inodoros coas mans
  • Fixéronlles deambular espidos
  • Privación de comida
  • Zancadillas, empuxóns, zarandeos

As humillacións e os castigos pasáronlles factura aos prisioneiros: sufriron pensamento desorganizado, sarpullidos psicosomáticos, estrés, pánico… De feito, dous dos participantes tiveron que ser substituídos.

Un dos participantes de reeplazo, ao observar nada máis chegar o funcionamento da prisión, comezou unha folga de fame como protesta. Esta rebeldía foi castigada por parte dos guardiáns pechándoo nunha pequena celda totalmente espido. A reacción dos seus compañeiros prisioneiros foi bastante curiosa: considerárono un alborotador en vez de un camarada que trataba de axudarlles. Pasado un tempo, os guardiáns propuxéronlles un trato aos prisioneiros: liberar ao seu compañeiro de illamento a cambio das súas mantas. Menos un, todos decidiron quedarse coas mantas.

 

Fin do experimento

O experimento tivo que suspenderse ao sexto día, a pesar de que estaba programado para que durase varias semanas.

Detívose trala visita dunha persoa allea ao estudio, unha rapaza estudiante de postgrado que se alarmou ao ver a crueladade coa que alí trataban as persoas. Foi a única que o fixo, a pesar de que máis de 50 persoas alleas ao equipo visitaran o cárcere e observaran o que acontecía. Por que? Pois porque tanto os participantes voluntarios como os investigadores metéronse tanto na ficción do experimento, que non foron capaces de ver que a situación estaba fóra de control.

 

Conclusións

Non é algo que esteamos acostumados/as a escoitar pero… Un grupo de persoas sanas e estables poden converterse en torturadores con relativa facilidade. Xa sei que hai moitos “peros”, ainda así debemos ter en conta que o entorno inflúe no noso comportamento máis do que creemos e do que nos gustaría: formar parte dun grupo, vestir dunha forma determinada, os símbolos, as regras ou normas, o rol desempeñado… Modula a nosa forma de comportarnos. 

O “ben” e o “mal” non só se atopa no interior das persoas, así que non perdamos de vista aos factores situacionais. Cuns simples cambios no marco das relacións, aderezado cun pouco de despersonalización, impunidade e anonimato, é suficiente para que o reverso tenebroso das persoas saia á luz.

Reflexionemos

Con este experimento queda claro que se debería de andar con máis ollo coas persoas que ostentan e exercen algún cargo de autoridade. Cando unha persoa sinte que ten lexitimidade para facer cumplir as normas, pode extralimitarse e actuar como se fose máis importante o cumplimento dunha orde que a integridade física, psicolóxica e emocional das persoas.

Supervisión para controlar que as persoas non se sobrepasen na realización da súa función, por favor!

 

Link:

Artigo do experimento sobre a obediencia á autoridade: https://psicologajanetdiaz.es/obediencia-a-autoridade/

Psicóloga Lugo

Janet Díaz

Bibliografía

Zimbardo, P. El efecto Lucifer: el porqué de la maldad (2012).

 

Por que temos medo?

O medo é unha emoción básica provocada pola percepción dun perigo (real ou imaxinario) e, como o resto das emocións, é indispensable para a nosa supervivencia. Cando nos atopamos ante unha ameaza sentimos medo e, automáticamente, póñense en funcionamento unha morea de cambios no noso cerebro que teñen como finalidade prepararnos para fuxir.

Agora somos moi urbanitas (uns máis ca outros), pero houbo un tempo no que os nosos antepasados vivían en cavernas rodeados de innumerables perigos. Si se atopaban cun depredador, o medo facía que se quedasen paralizados evitando que se percatasen deles, ou ben que escapasen en  busca dun refuxio seguro. Por iso, ainda que a día de hoxe non nos asexen leóns, cando sentimos medo o noso cerebro manda ordes ao noso corpo para fuxir, atacar (se nos sentimos fortes) ou paralizarnos (se nos atenaza o pánico).

 

Que pasa cando sentimos medo?

O medo actúa a nivel cognitivo e, sobretodo, a nivel fisiolóxico. Cognitivamente provoca bloqueo, por iso cando témolo medo no corpo nos resulta tan difícil pensar. Pola contra, o medo a nivel fisiolóxico actívanos, ponnos en estado de alerta, preparándonos para fuxir en caso necesario.

Tod@s sentimos algunha vez medo e sabemos por experiencia propia que:

  • as pupilas dilátanse e os ollos abrense tanto que parecen saírsenos das órbitas. Esto sucede porque así amplíamos o campo visual, e podemos detectar con máis facilidade calquera posible ameaza,
  • o corazón parece saírsenos do peito e aumenta a presión sanguínea. Por iso temos esa sensación de taquicardia e/ou formigueo nas extremidades,
  • detéñense as funcións non esenciais, como a dixestión, para aforrar enerxías para o que realmente importa: fuxir. Motivo polo que ao experimentar medo notamos un nó no estómago ou teñamos incluso náuseas,
  • aumenta a tensión muscular para poder escapar.  Isto provoca que sintamos certo tremor e calambres nas extremidades.

 

A que lle temos medo?

O que ten cu, ten medo, non si? Existe unha lista interminable de situacións, ideas ou obxetos capaces de xerarnos medo. Algunhas están relacionadas co entorno natural ou con medos ancestrais como as tormentas, a altura, a escuridade, o sangue, certos animais, etc. Outras, en cambio, son máis modernas como o medo ás agullas, aos paiasos, a voar, aos ascensores, a ir ao dentista, a perder o teléfono móbil…

Na maioría dos casos somos perfectamente conscientes dos elementos aos que lles temos medo. Se por exemplo unha persoa que lle ten medo aos cans, sabe identificar o seu temor estupendamente. Sen embargo, exiten medos moitísimo máis sutiles, deses dos que case nin nos decatamos e que poida que nin recoñezamos. Se unha persoa non se atreve a deixar a súa parella ainda que estea ata as narices dela, por exemplo, poida que sexa por  medo á soidade, ao abandono ou aos cambios. Moito coidado con eses medos que nos impiden avanzar e nos converten en persoas insatisfeitas.

 

As orixes dos medos

1. Medos innatos, os que nos veñen de serie

Nun experimento recente púxose a proba a hipótese  de que evolutivamente temos unha predisposición (ollo, unha predisposición non é unha norma) a temer a certos animais como as arañas ou as serpes, xa que o veleno dalgúns destes bichos son perigosos para o ser humano.

O estudo foi levado a cabo por Hoehl, Hellmer, Johansson e Gredeack (2017) con bebés de seis meses. Estes investigadores preguntábanse como era posible que os alemáns poideran ter un medo tan arraigado ás arañas ou ás serpes, tendo en conta que moi difícilmente podían atoparse con especies velenosas destes animais.

Para demostrar se o noso arcaico mecanismo cerebral é capaz de identificar potenciais perigos,  crearon un experimento que consistía en ensinarlles varias fotografías a uns bebés alemáns. Algunhas das fotos mostraban flores ou peixes, e noutras aparecían arañas ou serpes. Para que? Pois para ver se había diferenzas nas respostas fisiolóxicas ante os dous tipos de imaxes.

Reaccionaron de forma distinta? Si, as pupilas dos meniños dilatábanse moitísimo máis coas fotos nas que aparecían as arañas e as serpes, mostra clara da activación do sistema cerebral do medo.

 

2. Medos adquiridos

Son os medos que van surxindo según o que experimentamos nas nosas carnes morenas (nesta época do ano máis ben brancas), o que observamos nos hábitos dos demáis e o que nos dictamina a sociedade na que vivimos.

Vouvos a falar agora dun macabro experimento clásico da psicoloxía: o caso do pequeno Albert. Con este estudo demostrouse que o medo se pode aprender mediante o condicionamento clásico e tamén como resultado de sufrir algún suceso traumático.

Ao psicólogo Jonh B. Watson, no ano 1920, ocorreuselle a fantástica idea de meter a un meniño de once meses, chamado Albert, nunha habitación a interactuar cunha rata de laboratorio. Ata aquí todo ben, o pequeno non lle tiña ningún medo ao animal e manoseábao sen ningún reparo.

Agora ven a parte menos ética: nas seguintes sesións, cada vez que o meniño tocaba ao roedor soaba un ruído moi forte e desagradable que asutaba ao pequeno Albert, ata o punto de facerlle chorar. Tras sete repeticións, o cativo aprendeu a terlle terror á rata; choraba ao vela sen necesidade de escoitar o molesto son.

Por se fose pouco terlle pánico ás ratas, este temor aprendido extendeuse a obxetos ou animais con pelo blanco. O pequeño Albert colleulle medo non só ás ratas, senon tamén a calquera animal  ou cousa con pelo: cans, coellos, peluches, abrigos de pelo e incluso lle temía a Papá Noel (polas barbas blancas). Coitado pequeno Albert!

 

Lembra

Temos un cerebro programado para sobrevivir; se nos sentimos en perigo o medo prepáranos para escapar coa finalidade de poñernos a salvo (a pesar de que a ameaza só estea nos nosos pensamentos e non sexa real).

Está claro que nacemos coa alarma do medo programada, que dende que somos pequen@s adquirimos medos e que de maiores continuamos coleccionándoos. Cae de caixón, se aprendiches a ter medos, tamén podes aprender a vencelos.

Non deixes que os teus medos che impidan avanzar. O medo ten que protexerte, non limitarte.

 

temor

 

 

Artigos e vídeos de referencia:

Itsy Bitsy Spider…: Infants React with Increased Arousal to Spiders and Snakes. Stefanie Hoehl, Kahl Hellmer, Maria Johansson and Gustaf Gredebäck. Front. Psychol., 18 October 2017 | https://doi.org/10.3389/fpsyg.2017.017103

Fragmento do experimento do pequeno Albert.

 

Janet Díaz Portela

Psicóloga social e sanitaria 

Col. G-5097

Obediencia á autoridade

A principios dos anos 60 un psicólogo, Stanley Milgram, solicita participantes para un experimento sobre memoria e aprendizaxe cun anuncio nun xornal, ofrecendo comida e catro dólares aos voluntarios só por participar (o equivalente a uns 30 euros na actualidade). Pero trátase dun anuncio trampa, en vez de ser un experimento para avaliar a memoria o que quere estudar é a obediencia á autoridade.

O experimento

Cóntovos a dinámica do experimento, a ver se consigo explicarme:

No laboratorio hai sempre un investigador, unha persoa que fai de profesor e outra persoa que fai de alumno.

O papel do investigador é o de supervisar o experimento e de dar as instruccións sobre o mesmo. Un “profesor” formulará preguntas a un “alumno” para avaliar a súa memoria e sancionará as respostas erróneas para averiguar se así mellora o aprendizaxe. Se o “alumno” constesta acertádamente o “profesor” pasará a seguinte pregunta, pero no caso de que falle, castigarao cunha descarga eléctrica que aumentará progresivamente en 15 voltios por cada resposta inadecuada.

Os voluntarios crían que a asignación do rol “profesor” ou “alumno” se realizaba ao azar por medio dun sorteo, pero a realidade é que o sorteo estaba amañado e aos voluntarios sempre lles tocaba facer de “profesor”, sendo o “alumno” sempre un cómplice de Milgram.

Feito o “sorteo” e adxudicados os roles, “profesor” e “alumno” póñense en habitacións separadas.

Nunha habitación están o investigador, ataviado cunha bata branca, e o “profesor”, este último colocado diante dun xerador de descargas eléctricas. Cada vez que o “alumno” respostase mal, o “profesor” debería pulsar o interruptor para proporcionar descargas ao “alumno”. A intensidade das descargas vai dende os  15  ata os 450 voltios, e están etiquetadas como “moderada”, “forte”, “perigo: descarga grave” e “XXX”. Para comprobar cal é o castigo mínino que se lle aplicará ao alumno, antes de comezar o experimento, o investigador aplícalle unha descarga de mínima potencia ao “profesor”.

Na outra sala está o “alumno”, sentado e atado cunhas correas para evitar movementos involuntarios, cuns electrodos conectados ao brazo polos que se administrarán as descargas.

Como dixen antes, o “alumno” era un cómplice de Milgram. O “profesor” cría que o trebello funcionaba correctamente, xa que cada vez que pulsaba o interruptor das descargas escoitaba un ruído seguido dos berros do “alumno”. Pero realidade foi que o “alumno” non as chegou a recibir, só simulaba facelo.

Os “profesores” castigaron os primeiros erros coas descargas pulsando os interruptores sen vacilar. Pero empezaron a titubear conforme se incrementaba a intesidade das descargas e os alaridos dos “alumnos”. No caso de que o “profesor” preguntara quen era o responsable se algo lle pasaba ao “alumno”, o investigador limitábase a contestar  “eu son o responsable”.

Cando algún “profesor” manifesta a súa intención de abandoar, o investigador contesta cunhas respostas predefinidas:  “continúe por favor”, “siga por favor”, “o experimento necesita que vostede siga”, “é absolutamente esencial que continúe”, “vostede non ten outra opción, debe continuar”. Pero en ningún momento lles levanta a voz.

Resultados

Dos 40 voluntarios que participaron no experimento, absolútamente todos obedeceron dando descargas ata os 300 voltios. E dous de cada tres aplicaron as descargas ata a máxima potencia, a pesar do progresivo aumento dos berros e das súplicas dos “alumnos”, de que algúns pediran que os sacasen de alí, se queixasen de ter problemas cardíacos, inclusive cando o “alumno” deixaba de dar sinais de vida.

Sabían que lle estaban facendo dano a outra persoa e que era perigoso, e ainda así o 65% dos voluntarios leva o experimento ata o final. Antes deste experimento os expertos pensaban que só entre un 1% e un 3% das persoas aplicarían descargas ata o máximo, considerando que terían que tratarse de suxeitos sádicos. Pero xa ves, un 65% déronas ata o final. Vaia vaia.

Conclusións

Milgram realizou este experimento para intentar explicar o comportamento dos criminais de guerra durante o Holocausto nazi. Quería averiguar como era posible que as persoas actuaran cunha crueldade extrema e cometeran ese terrible xenocio. A obediencia cega parece ser a resposta.

Cando unha persoa obedece as ordes dunha autoridade, prodúcese unha abdicación da responsabilidade e a súa conciencia desactívase. Unha vez desprendidos de responsabilidades e liberados do sentido de culpa, aparece o noso lado máis escuro. Pero para que isto aconteza tense que desenvolver un nivel moi alto de obediencia e unha alta sumisión á autoridade.

Reflexión

Na nosa sociedade a obedicencia é un dos pilares básicos. Convertémonos en seres obedientes prácticamente dende que nacemos; pais, nais, mestres, curas… ensínannos a cumprir ordes dende meniñ@s. E así, paseniñamente, aprendemos a lexitimade de certas autoridades para darnos ordes, e acabamos someténdonos a elas sen pensalo.

Tendemos a facer o que se nos di, sobretodo se o mandato provén de persoas con autoridade, e acabamos acatando ordes que avergoñarían a calquera. Para decatarnos da fraxilidade dos valores humanos ante a obediencia, basta con botar unha ollada á actualidade: atentados, cargas policiais, banqueiros que venden preferentes a anciáns analfabetos… “Só seguía ordes” é a excusa que moit@s dan para explicar o seu indecente comportamento.

Anarquíaaaaaaa! Non, tampouco vos pido que vos poñades so crazy right now e vos rebeledes ante  todo, pero si que vos animo a que cuestionedes calquera orde que vos dean. Parádevos a pensar e decidide a quen e que obedecer.

autoridade

Neste enlace podedes ver un fragmento do experimento.

Referencias bibliográficas:

  • Milgram, S. (2002), “Obediencia a la autoridad” Editorial Desclee de brouwer.

Notice: Undefined index: opcion_cookie in /home/psicol31/public_html/wp-content/plugins/click-datos-lopd/public/class-cdlopd-public.php on line 416

Notice: Undefined variable: input_porcentaje in /home/psicol31/public_html/wp-content/plugins/click-datos-lopd/public/class-cdlopd-public.php on line 484