Obediencia á autoridade

obediencia

A principios dos anos 60 un psicólogo, Stanley Milgram, solicita participantes para un experimento sobre memoria e aprendizaxe cun anuncio nun xornal, ofrecendo comida e catro dólares aos voluntarios só por participar (o equivalente a uns 30 euros na actualidade). Pero trátase dun anuncio trampa, en vez de ser un experimento para avaliar a memoria o que quere estudar é a obediencia á autoridade.

 

O experimento

Cóntovos a dinámica do experimento, a ver se consigo explicarme:

No laboratorio hai sempre un investigador, unha persoa que fai de profesor e outra persoa que fai de alumno.

O papel do investigador é o de supervisar o experimento e de dar as instruccións sobre o mesmo. Un “profesor” formulará preguntas a un “alumno” para avaliar a súa memoria e sancionará as respostas erróneas para averiguar se así mellora o aprendizaxe. Se o “alumno” constesta acertádamente o “profesor” pasará a seguinte pregunta, pero no caso de que falle, castigarao cunha descarga eléctrica que aumentará progresivamente en 15 voltios por cada resposta inadecuada.

Os voluntarios crían que a asignación do rol “profesor” ou “alumno” se realizaba ao azar por medio dun sorteo, pero a realidade é que o sorteo estaba amañado e aos voluntarios sempre lles tocaba facer de “profesor”, sendo o “alumno” sempre un cómplice de Milgram.

Feito o “sorteo” e adxudicados os roles, “profesor” e “alumno” póñense en habitacións separadas.

Nunha habitación están o investigador, ataviado cunha bata branca, e o “profesor”, este último colocado diante dun xerador de descargas eléctricas. Cada vez que o “alumno” respostase mal, o “profesor” debería pulsar o interruptor para proporcionar descargas ao “alumno”. A intensidade das descargas vai dende os  15  ata os 450 voltios, e están etiquetadas como “moderada”, “forte”, “perigo: descarga grave” e “XXX”. Para comprobar cal é o castigo mínino que se lle aplicará ao alumno, antes de comezar o experimento, o investigador aplícalle unha descarga de mínima potencia ao “profesor”.

Na outra sala está o “alumno”, sentado e atado cunhas correas para evitar movementos involuntarios, cuns electrodos conectados ao brazo polos que se administrarán as descargas.

Como dixen antes, o “alumno” era un cómplice de Milgram. O “profesor” cría que o trebello funcionaba correctamente, xa que cada vez que pulsaba o interruptor das descargas escoitaba un ruído seguido dos berros do “alumno”. A realidade foi que o “alumno” non as chegou a recibir, só simulaba facelo.

 

Os “profesores” castigaron os primeiros erros coas descargas pulsando os interruptores sen vacilar. Pero empezaron a titubear conforme se incrementaba a intesidade das descargas e os alaridos dos “alumnos”. No caso de que o “profesor” preguntara quen era o responsable se algo lle pasaba ao “alumno”, o investigador limitábase a contestar  “eu son o responsable”.

Cando algún “profesor” manifesta a súa intención de abandoar, o investigador contesta cunhas respostas predefinidas:  “continúe por favor”, “siga por favor”, “o experimento necesita que vostede siga”, “é absolutamente esencial que continúe”, “vostede non ten outra opción, debe continuar”. Pero en ningún momento lles levanta a voz.

 

Resultados

Dos 40 voluntarios que participaron no experimento, absolútamente todos obedeceron dando descargas ata os 300 voltios. E dous de cada tres aplicaron as descargas ata a máxima potencia, a pesar do progresivo aumento dos berros e das súplicas dos “alumnos”, de que algúns pediran que os sacasen de alí, se queixasen de ter problemas cardíacos, inclusive cando o “alumno” deixaba de dar sinais de vida.

Sabían que lle estaban facendo dano a outra persoa e que era perigoso, e ainda así o 65% dos voluntarios leva o experimento ata o final. Antes deste experimento os expertos pensaban que só entre un 1% e un 3% das persoas aplicarían descargas ata o máximo, considerando que terían que tratarse de suxeitos sádicos. Pero xa ves, un 65% déronas ata o final. Vaia vaia.

 

Conclusións

Milgram realizou este experimento para intentar explicar o comportamento dos criminais de guerra durante o Holocausto nazi. Quería averiguar como era posible que as persoas actuaran cunha crueldade extrema e cometeran ese terrible xenocio. A obediencia cega parece ser a resposta.

Cando unha persoa obedece as ordes dunha autoridade, prodúcese unha abdicación da responsabilidade e a súa conciencia desactívase. Unha vez desprendidos de responsabilidades e liberados do sentido de culpa, aparece o noso lado máis escuro. Pero para que isto aconteza tense que desenvolver un nivel moi alto de obediencia e unha alta sumisión á autoridade.

 

Reflexión

Na nosa sociedade a obedicencia é un dos pilares básicos. Convertémonos en seres obedientes prácticamente dende que nacemos; pais, nais, mestres, curas… ensínannos a cumprir ordes dende meniñ@s. E así, paseniñamente, aprendemos a lexitimade de certas autoridades para darnos ordes, e acabamos someténdonos a elas sen pensalo.

Tendemos a facer o que se nos di, sobretodo se o mandato provén de persoas con autoridade, e acabamos acatando ordes que avergoñarían a calquera. Para decatarnos da fraxilidade dos valores humanos ante a obediencia, basta con botar unha ollada á actualidade: atentados, cargas policiais, banqueiros que venden preferentes a anciáns analfabetos… “Só seguía ordes” é a excusa que moit@s dan para explicar o seu indecente comportamento.

Anarquíaaaaaaa! Non, tampouco vos pido que vos poñades so crazy right now e vos rebeledes ante  todo, pero si que vos animo a que cuestionedes calquera orde que vos dean. Parádevos a pensar e decidide a quen e que obedecer.

 

autoridade

 

Neste enlace podedes ver un fragmento do experimento.

 

Referencias bibliográficas:

  • Milgram, S. (2002), “Obediencia a la autoridad” Editorial Desclee de brouwer.

Autor: psicologajanetdiaz

O meu nome é Janet Díaz Portela, son licenciada en Psicoloxía, formación que completei co Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, Máster de Coaching para a Motivación e os Procesos de Cambio e o Máster de Práctica Clínica en Saúde Mental. Creativa e divertida, considero o meu traballo como algo máis ca unha profesión. Disfruto axudando a mellorar a vida das persoas, sendo fundamental a actualización de coñecementos para ofrecer o mellor servizo posible. Son esixente e eficiente, con ambición para mellorar día a día no terreo laboral e persoal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *