As relacións entre pais/nais e fillos/as adolescentes é conflictiva con bastante frecuencia. A maioría dos pais/nais queixádesvos de que non vos fan caso, de que apenas falan con vós, de que nunca están satisfeitos/as, de que as conversas se converten en batallas campais e de que, en definitiva, a vida familiar adquire un clima hostil.
Pais e nais de fillos/as con revolución hormonal, se vos sentides identificados, continuade lendo 😉
A adolescencia é unha época de cambio
A adolescencia implica cambios, seguramente que aceptades os físicos como parte do desenvolvemento, como parte da vida. Pero este proceso tamén inclúe cambios emocionais ou psíquicos, os cales non son tan fáciles de asumir ou entender.
Durante a infancia, a identidade dos vosos fillos/as moldeábase coa vosa influencia. Pero a partir dos 12 anos (apróximadamente) existe unha necesidade evolutiva de crear unha identidade propia, cobrando unha importancia maior o grupo de iguais. Os amigos/as convértense na figura máis significativa e é por iso que notades que os vosos retoños comezan paulatinamente a alexarse de vós, para achegarse e pasar máis tempo cos seus compañeiros/as.
Os/as adolescentes necesitan intimidade, non invadades os seus espazos
Os/as adolescentes queren ter cada vez máis intimidade e autonomía, á vez que vós queredes seguir mantendo a mesma supervisión e control. Isto xera situacións conflictivas que, en función do estilo educativo que teñades, se reducirán co paso do tempo. A clave está na capacidade de flexibilidade que teñades; por suposto que teredes que continuar poñendo límites e normas, pero razonándoas e non impoñéndoas porque si. Algo fundamental é que aprendan que para obter máis liberdades, teñen que demostrar ser responsables.
Preocupación polas notas, drogas e sexo
Probablemente vos preocupen aspectos como os primeiros amoríos, relacións sexuais, rendemento académico, alcohol, tabaco… Pero debedes saber que o principal factor de protección o tedes na casa. Estade atentos ao que acontece nas súas vida e, se detectades algún indicio, falade do tema.
Pero claro, para conseguir que vos conten este tipo de cousas é preciso que teñades un bo clima de confianza. E isto tedes que traballalo desde a máis tenra infancia, non pretendades empezar a ter unha comunicación fabulosa en plena adolescencia. Se non o fixéstedes cando eran cativos, agora coa revolución hormonal vai a costarvos moito máis.
Como mellorar a comunicación cos vosos retoños na idade do pavo
Vexamos agora algúns dos erros máis típicos que se adoitan a cometer á hora de relacionarse cos fillos/as. A facer exame de conciencia!
Exceso de control co teléfono móvil
Cando os vosos fillos/as están cos amigos/as, non é boa idea mandarlles whatsApps ata aburrir do tipo: “onde estás?”, “con quen?”, “non te movas de ahí, eh”, “merendaches?”, “colliches a chaqueta?”, “non vaias a tal sitio”, “está Clara contigo?”, “que non se che esqueza tal cousa”, etc. E se non contestan (algo que acontece con frecuencia) a vosa preocupación aumenta e chamada telefónica ao canto: “por que non respondes?”, “estás ben?”, “para que tes o teléfono!”, bla, bla.
Sabedes que? Ter a uns pais/nais así de pesados, dalles vergoña. Por iso en moitas ocasións non vos responden e din iso de “quedeime sen batería” ou “tiña o teléfono en silencio“. Se os vosos fillos/as están cos seus amigos/as divertíndose e vós os interrompedes só porque queredes telos ben controlados, estádelos fastidiando.
Tedes que aprender a aguantar un pouquiño a incertidumbre que vos produce non ter aos vosos vástagos baixo supervisión, e deixar de molestalos. Se sabedes onde están, por que ambientes se moven e quen son os seus amigos/as, tedes que darlles un pouco de marxe. É moito mellor que, antes de que se marchen, vos digan onde estarán e con quen. E acordar algo do tipo: “se hai algún cambio de plans, se te retrasas, se acontece calquera cousa, avísanos”, que estalos atosigando constantemente.
Comunicación bidireccional, por favor
“Comiches?”, “fixeches o exame?”, “chegaches?”, “déronche a nota de mates?”… Se queredes obter algo máis ca un “si”, “non”, “non sei” por parte dos vosos fillos/as adolescentes, non os/as sometades a un interrogatorio.
Non se trata só de pedir (ou esixir) información, senon de compartila. Averiguade (se non o sabedes xa) que temas lle interesan aos vosos fillos/as para ter sobre que conversar. Facédeos partícipes das vosas vidas, contádelles algunha preocupación, curiosidade ou chismorreo que teñades. Porque se só os atosigades con preguntas, o que conseguiredes é que se pechen na habitación e apenas falen con vós.
Non xuzguedes
Escoitade aos vosos fillos/as polo mero feiro de querer escoitalos, sen buscar a réplica, sen buscar confrontar os seus valores cos vosos. Se vos din “María fuma” e vos respondedes cun “uiuiuiuiuiuiuiuiiii, que mal, a ti que nin se che ocurra, eh!”. Aquí remata a conversa. Sen embargo, se lles preguntades: “mira, e a ti que che parece?, “pasouseche algunha vez pola cabeza facelo ti?”. Isto facilitará que non se cerren en banda e posibilitará que teñades unha charla sobre o tema.
Antes de dar un consello, preguntade se o queren
Aprendede a mordervos a lingua. Se lles soltades a típica frase de “xa cho dicía eu” ou “ti o que tes que facer é…”, estades dirixindo as súas vidas sen deixarlles reflexionar e, ademáis, é moi probable que para a próxima ocasión que teñan unha dúbida, non recurran a vós. É moito mellor un: “gustaríache saber que faría eu?”. Deste xeito, en vez de restrinxirlles o seu dereito de opinión ou elección, despertades a súa curiosidade.
Reservade un oco tódolos días para conversar
Recoméndovos que gardedes un tempo e un espazo diario para falar de calquera cousa, por exemplo, durante a cea. Intentade ter unha conversa tranquila e, sobretodo, como apuntaba antes, non xuzguedes. Escoitade, escoitade e escoitade (é máis difícil do que parece). Para evitar distraccións aconséllovos desconectar tódolos dispositivos electrónicos: televisión, teléfonos, tabletas, etc. Haberá charlas superficiales e paliques profundos, pero o realmente importante é que manteñades unha boa comunicación e confianza entre vós.
Lembrade
Ser pais/nais de adolescentes é duro, pero ser adolescentes tamén.
Psicóloga Lugo
Janet Díaz
Bibliografía:
https://aprendemosjuntos.elpais.com/