Os celos | Psicólogo Lugo

Os celos poden presentarse en calquera relación: entre irmáns, amigos/as, compañeiros/as de traballo ou estudios, etc. Pero onde máis dano fan é no mundo da parella, e sobre estes últimos vou a escribir hoxe.

Que son os celos

Son unha resposta emocional que xorde cando unha persoa percibe unha ameaza (sexa real ou imaxinaria) hacia algo que considera propio, neste caso, hacia a súa parella.

Cando tes a sospeita infundada de que a túa parella se interesa por outra persoa, os celos se apoderanse de ti. Nese intre deixas de percibir a realidade tal e como é, xa que te centras en descubrir a posible traición e tes como obxetivo desenmascarar ao teu querido/a infiel (ainda que non o sexa). Se hai que chantaxear, espiar, invadir a vida privada do outro, hackear a conta do caralibro ou manipular, pois faise. O fin xustifica os medios. Ou tal vez non…

 

Celos son puñales que se clavan…

Os celos están á orde do día e é un tema que podemos atopar en moitísimas cancións, libros ou películas. Si, os celos son unha resposta emocional moi habitual, pero habitual non quere dicir que sexa boa. Que quede clarito, clarinete: ter celos non ten NADA de positivo.

Confianza

Un pilar básico nas relacións de parella é a confianza. A medida que os celos aparecen, a desconfianza aumenta. E sen confianza non hai amor.

De que sirve que a túa parella sexa sincera e fiel se ti non a cres? Dará igual o que faga ou diga, ti estarás de mal humor, desconfiando, refunfuñando, botandolle cousas á cara… E ao final o teu peor pesadelo acabarase cumprindo: a relación romperase, pero non por posibles terceiras persoas, senon porque ti mesmo/a o favoreciches co teu comportamento.

 

Control

“Con quen falas?”, “a onde vas así vestido/a?”, “non me gusta que salgas sen min”, “quero que te poñas guapo/a só para min”, “por que miraches a esa persoa?”, etc.

Non podes controlar a ninguén por moitas inseguridades que teñas, salvo que o/a metas nunha gaiola ou o/a teñas atado/a en corto.

Namóraste dunha persoa libre, así que non pretendas cambiala ou limitarlle a súa liberdade. A non ser que queiras ter ao lado a un cadeliño/a faldeiro que non se atreva nin a atar os cordóns dos zapatos sen permiso. Ou selo ti.

 

Mitos

Se ten celos, é que me quere

Isto é máis falso co máster de Cifuentes.

Os celos non son ningunha expresión de amor. De feito, os celos non teñen nada que ver co amor, senon co desexo de posesión. A MIÑA parella, o MEU marido, a MIÑA moza, o MEU rapaz… E non fará falla que diga que o feito de considerar que as persoas son unha propiedade é bastante enfermizo.

Quérote e necesítote

Outra vaca no millo.

A pesar de ser unha frase que se pode escoitar con moitísima facilidade en cancións pastelosas, película cursis, poemas, series ou novelas románticas. Iso de “necesitar” é absurdo. Que necesitamos realmente para vivir? Comer, respirar, dormir, ir ao baño e pouco máis.

Se pensas que necesitas a túa parella, sinto decirche que eres unha persoa emocionalmente dependente. A frase correcta é: quérote, pero non te necesito. Ti es un ser independente e á outra persoa quérela, escóllela, ámala, pero non a necesitas para vivir nin sentirte completo/a. Iso de sen ti morro é unha patraña (ao final do artigo deixo un link cunha entrada que fixen fai uns meses sobre o mito da media laranxa).

 

Pide axuda

Si a túa parella é celosa, ti non podes facer nada para que deixe de selo. Que non se che pase pola cabeza empezar a autolimitarte para que el/ela non se enfade.

Se o/a celoso/a es ti, a veces é necesario acudir a un psicólogo. En moitas ocasións, detrás dese temor á pérdida do ser amado, á infidelidade ou ao abandono, hai medo á soidade, baixa autoestima,  inseguridades ou crenzas irracionais sobre o amor.

 

Recapacita

Quere a túa parella coa man aberta. Se a pechas moi forte para que non se vaia do teu carón…

  • Non saberás se a túa parella está contigo porque quere ou porque non pode marchar.
  • Máis tarde ou máis cedo cansaraste de apretar e acabaredes danados os/as dous/dúas.

Non esquezas que os celos patolóxicos con demasiada frecuencia acaban en maltrato, xa sexa psicolóxico ou físico (ou ambos).

 

Link:

Existe realmente a media laranxa?

Psicóloga Lugo

Janet Díaz

 

Pode perdoarse unha infidelidade? | Psicólogo Lugo

A infidelidade é a primeira causa de rupturas e divorcios. Pero non tódalas infidelidades acaban en separación, hai persoas que viven unha situación (ou moitas) deste tipo e, a pesar diso, continúan coa relación.

O certo é que a infidelidade provoca fortes reaccións emocionais na persoa que a sofre: rabia, tristeza, enfado, culpa, vergoña, noxo, venganza, ira… E ademáis, un dos pilares básicos da relación tambaléase: a confianza.

 

O engano

A infidelidade é máis frecuente do que xeralmente se cre.  Estadísticamente, algo máis do 60% das persoas admite que o foi (ou que o son).

Moita xente pensa que se unha persoa é infiel, é porque non está ben coa súa parella. Pero… Se non se está ben coa relación, por que non deixala? Ou, por que non facer algo para intentar que mellore? Moitas situacións de infidelidade non teñen que ver tanto co momento que atravesa a relación, como co feito de que  o/a infiel non quere a súa parella. Pero non é menos certo que hai outras persoas que si teñen sentimentos reais hacia as súas parellas, a pesar de que as enganan.

O que está claro é que se unha persoa que comete unha infidelidade, faino porque quere. Non é culpa nin da parella, nin dos astros, nin de que o/a seduciron, nin do estrés, nin de agacheime un momento e cando me din conta xa ma incrustaran, nin de gaitas, responsabilidade única e exclusiva do/a infiel.

 

Perfís máis frecuentes de infieis

  • Os/as que manteñen infidelidades premeditadas e compulsivas

Son persoas ás que lles gusta ter a alguén máis a parte da súa parella “formal”. Repiten unha e outra vez o mesmo proceso: bótanlle o ollo a unha persoa, sedúcena, e en canto conseguen o seu propósito xa teñen posto o radar noutra. E isto fano sen ningún tipo de remordemento.

  • Os/as que manteñen relacións paralelas

Son persoas que teñen unha relación estable e crean outra paralela. Compórtanse coas dúas parellas como se cada unha fose a única: van a cear, á praia, a eventos sociais, incluso poden ter unha vivenda en común. Viven esta situación con total normalidade e acostuman a ter cómplices que lles gardan as costas e os excusan. Hai xente que se deita moi tranquila levando unha doble vida… Ata que todo sae á luz.

  • Os/as infieis “sorpresa”

Sen buscalo coñecen a unha persoa e… Bolboretas no estómago. Non frean esa explosión de emocións, de desexo, e canita al aire! Estas persoas diferencianse dos perfís anteriores en que se se senten mal por estar enganando a súa parella, pero ainda así, fano.

 

Pódese  volver a confiar na parella despois dunha infidelidade?

Algunas persoas teñen claro que non. Isto acontece se a fidelidade é un dos valores máis importantes para elas. En cambio, hai outras persoas que si poden perdoar. Pero ollo, neste caso hai que ter en conta que a relación nunca máis vai a ser a mesma. Perdoar e olvidar non son sinónimos.

Factores que dificultan ou axudan á superación dunha infidelidade

Unha infidelidade puramente sexual, na que non hai implicación emocional, é máis sinxela de perdoar ca outra na que o/a infiel se namora da outra persoa.  Tamén é máis fácil sobrepoñerse dun engano puntual ca dunha infidelidade de relación paralela que se mantén no tempo (meses, anos) ou cas infidelidades contínuas (moitas persoas ao largo do tempo).

Aspectos de boa evolución

Un dos aspectos que marca un bo progreso é que a persoa infiel recoñeza o seu erro axiña. Que se responsabilice e que rápidamente queira disculparse e reparar o dano que sinte que cometeu. Polo contrario, non é un bo sinal que a persoa infiel o negue ata que se faga evidente. E se despois ainda busca excusas dicindo “ti e eu estábamos mal xa antes”, “a nosa vida sexual estaba moi mal (por tanto ti es responsable de que eu fixera isto)”… Apaga e vámonos.

Ollo, non chega só con asumir a responsabilidade e a culpa, o/a infiel tamén ten que estar disposto/a a reparar o dano causado e darlle a súa parella tódalas explicacións  que precise.

Por outro lado, a persoa que recibiu a infidelidade debe reflexionar se está aberta a dar unha oportunidade (ainda que nese intre non o teña claro) ou se non hai volta de folla.

 

Terapia de parella

Hai infidelidades que son moi difíciles de superar, outras non tanto. Difícil non é o mesmo que imposible, e a terapia de parella pode ser de gran axuda.

Se ti e a túa parella atravesades unha situación deste tipo, buscade a alguén experto  que vos axude a seguir o camiño de superación con éxito. Non dubidedes en contactar conmigo 😉

Psicóloga Lugo

Janet Díaz

 

7 consellos para gozar dunha sexualidade sa – Psicóloga Lugo

A sexualidade é moi particular, tanto a nivel individual como de parella. Por iso, dar consellos sobre accións concretas, como chúpalle o nariz ao teu namorado, mételle o dedo ata o fondo da orella a túa moza, etc. non serven para tódalas parellas. Cada persoa é única e ten unhas preferencias, gustos, desexos, que non ten por que compartir con absolutamente toooodo o mundo. O que o/a veciño/a lle fai a súa muller/home pode resultarlle moi satisfactorio, pero pode non servir en absoluto para outra parella.

 

1. Falade sobre sexo

Falar de temas sexuais moitas veces dá máis reparo que manter relacións sexuais. Somos humanos, diferenciamonos do resto dos animais, entre outras moitas variables, en que ademáis de fornicar podemos falar sobre a cópula. Humaniza a túa sexualidade.

 

2. Non des por suposto que o que che gusta a ti é o mesmo que lle gusta a túa parella

A ti igual che gusta moitísimo que che metan unha deda no embigo, pero iso no quere decir que a persoa coa que te deitas tamén lle agrade (pode incluso que o deteste). Non des por sentado que coñeces os gustos do/a teu/túa amante, averigua o que desexa (e de paso comunícalle o que che agrada a ti).

 

3. Non repitades sempre a mesma escena

Poida que nalgún momento falases de sexo coa túa parella… E ti quedácheste coa copla “gústalle que me derrame nas súas costas”, ay amigo/a! Pero non vaias a facer sempre o mesmo, os gustos cambian e a monotonía aburre ata as musarañas.

De vez en cando hai que revisar esas conversas, resetear e reinventar a sexualidade para non aburrirse. Dende aquí dígoche que a rutina é un dos maiores enimigos do pracer. Por moito que che guste comer pizza con pepperoni, se só te alimentas diso é moi probable que a acabes estoxando…

 

4. Non empregues a sexualidade para fins distintos ao pracer

Non fagas o amor para someter ao outro/a, para castigala/o, para premialo/a, para convencela/o, para…, para…, PARA! Stop! Se instrumentalizas o sexo auguroche un futuro carnal negro, moi negro.

 

5. Ollo coa maternidade/paternidade

Cando se queren ter fillos a sexualidade cambia. Dátanse os encontros, calcúlanse as ovulacións… Faise todo dun xeito moi cuadriculado, e esta rixidez mata ao pracer.

Ocorre o mesmo que no punto anterior, cando o sexo ten un único fin moi concreto, neste caso ter fillos/as, malo. Desexar quedarse embarazados pode ser unha finalidade extraordinaria de facer o amor, pero non debe de ser a exclusiva. Non te esquezas nunca de gozar.

 

6. Non finxas

Orgasmos simulados, problemas asegurados. Se estás inmerso/a na dinámica de finxir e non sabes sair dela, tes tres opcións:

  • Continuar así ata o fin dos teus días.
  • Decirlle a túa parella que queres mellorar as vosas relacións sexuais.
  • Consultar a un psicólogo.

Ti elixes.

 

7. Non practiques sexo sen ganas

Se estás inapetente, non forniques. Rexeita ese encontro sen sentirte culpable, o sexo non é unha obriga conxugal e non vas arder nos infernos por negarte a ter relacións carnais. O sexo por inercia, sen desexo, acaba tendo consecuencias fatídicas.

 

Lembra

Ser un/unha pésimo/a informador/a dos teus desexos e gustos eróticos, impide que disfrutes do sexo. Non esquezas que a comunicación é un dos factores máis decisivos para ter unha boa saúde sexual. Libérate de prexuizos e tabúes, gozarás moito máis!

Psicóloga Lugo

Janet Díaz

 

 

 

Como superar unha ruptura de parella – Psicóloga Lugo

Unha ruptura amorosa acostuma a ser un momento difícil. Aceptar e asimilar que a túa ex parella non vai a formar parte da túa futura vida (amorosamente falando), non sempre é doado. Sexan repentinas, sexan crónicas de mortes anunciadas ou sexan ansiadas, as rupturas sentimentais adoitan ir acompañadas de sufrimento.

A ruptura faise máis costa arriba se lle tes medo á soidade e/ou se careces dunha boa rede social (non me refiro ao facebook, senon ás relacións en vivo e directo). As fins de semana fánseche eternas, sobretodo ese domingo pola tarde coas magníficas películas de antena 3, na que as horas parecen non avanzar. O fría que está a cama, o silencio da casa sen esa persoa…

Claves psicolóxicas para superar unha ruptura de parella

Disfrutaches dunha bonita relación amorosa (no mellor dos casos) pero, polo que sexa, rematou. Agora tócache rexurdir das cinsas e, a poder ser, sair fortalecido/a desta experiencia. Os consellos que che dou a continuación facilitaranche superar a ruptura, pon atención!

1. Asegúrate de que a relación rematou

En moitas ocasións as rupturas son máis teóricas que prácticas… A que me refiro?

  • Se segues albergando a esperanza de que a ruptura é temporal, pensarás cousas como: “Eu sei que no fondo me quere e volveremos a estar xuntos”, “estamos feitos o un para o outro, volveremos a reencontrarnos”, etc. PERIGO!
  • Se segues vendo ao teu/túa ex de vez en cando, como follamigos, refregándovos cando vos pica… PERIGO!

Este tipo de pensamentos e de comportamentos fan que alimentes a ilusión de retomar a relación. Xa o cantaba a Pantoja: “No te aferres, no te aferres, a un imposible”. Mentres que non teñas claro que a relación rematou definitivamente, de que se trata dun punto e final, non poderás pasar páxina.

2. Deixa que os sentimentos e as emocións afloren

As rupturas amorosas conlevan, na inmensa maioría dos casos, sufrimento. Así que é mellor que teñas en conta e aceptes que che vai a doer o corazón durante unha tempadiña. Si, valo a pasar mal, por moito que te empeñes, por moitas máscaras que poñas, valo a pasar mal. Esto é como as feridas físicas, necesitan un tempo para curar; canto mellor as trates e menos as rasques, menos cicatriz deixarán.

3. Contacto cero

Si te deixaron a pesar de que ti desexabas continuar coa relación o contacto 0 é para ti. Esto significa cortar con calquera tipo de comunicación coa túa ex parella. Nada de whatsapp, chamadas, correos, caralibro, instagram… Desfaite de calquera medio que che dea información de onde está, con quen, que fai, como está, etc. Bloquea, deixa de seguir, borra o número de teléfono… Fai o que sexa preciso para cortar con calquera información que teña que ver coa túa ex parella.

De igual forma, se tes ao teu arredor persoas que non deixan de bombardearte con información acerca do teu/túa ex, dilles que paren. Se ainda así non o fan, afástate delas.

A veces hai nenos/as polo medio, pisos, hipotecas, mascotas, historias varias, que che farán máis complicado evitar o contacto. Pero na medida do posible, aléxate do teu/túa ex. Porque isto é coma unha especie de adicción, é moi difícil desengancharse dunha persoa se segues sabendo dela… Ainda que esteas medianamente estable, se sabes del ou dela e  é como si se reactivasen os sentimentos e a dor.

4. Non te illes

Pasa tempo con persoas que te queiran e ás que queiras, que non te xuzguen, que non che pidan contas nin explicacións da nada, que te apoien e  que desexen que esteas ben. Permítelles que te distraigan, que che suxiran sair da casa. Sabes perfectamente a que persoas me refiro, eses amigos/as cos que te podes mostrar triste, vulnerable, e tamén cos que te podes rir ata fartar. Pero sobretodo, non te peches na casa!

5. Establece rutinas

Ocupa o teu tempo, non deixes espazos nos que esteas sen facer nada, aburrido/a, porque rápidamente o pensamento vaise a escapar a escenarios que quizais non sexan os mellores neste momento. Distráete, intenta encher a axenda con actividades, deporte, saidas con amigos…

6. Coidado co alcohol e outras drogas

Por moito que a “sabiduría” popular diga que as penas se curan con alcohol, o certo é que non existen analxésicos para o corazón.

Cañas, viños, sangrías, chupitos, copichuelas… Nun momento determinado dannos esa pequena placidez temporal. Pero é unha trampa, porque o alcohol ten unha cara oscura: parece que nos axuda, fai que nos sintamos un pouquiño mellor durante un tempo… Pero ao día seguinte o alcohol destrózanos anímicamente. Parece que nos alivia pero, no fondo, empeóranos. Ainda que non sexa tan apetecible, é moito máis efectiva unha boa alimentación e facer exercicio físico.

7. Coñece xente nova

Despois de romper probablemente non teñas ganas de estar con ninguén, pero pasado un tempo quizais che esperte o desexo de coñecer a outras persoas, ou simplemente volvas ter apetencia sexual. Isto é un bo sinal, significa que xa estás superando a ruptura, pero debes ter coidado con algunha destas situacións:

  • Lanzarse apresuradamente a manter moitas relacións sexuais con moitas persoas. Usar os rolletes para paliar o sentimento de soidade, a dor que sintes ou a modo de desafogo sexual, non é bo remedio. Pasa como co alcohol, poida que te alivie no momento, pero logo sínteste peor.
  • Empezar unha relación de parella demasiado pronto, antes de estar preparado/a. Podes engancharte de alguén que non sexa a persoa máis adecuada para ti, ou incluso repetir o mesmo patrón de relación que non che funcionou no pasado.

8. Ábrete de novo ao amor

Como di Rafaella Carrá “Búscate a otro más bueno, vuélvete a enamorar”

Non teñas medo de lanzarte de novo á aventura do amor, a pesar de que che fixeran dano, que isto non sexa un obstáculo para volver a confiar e lanzarte.

Ollo, non é necesario ter parella para ser feliz, nin moito menos. É moitísimo mellor estar sen mozo/a, esposa/o, chorbo/a, querida/o, etc. que mal acompañado/a. Aprende a estar sen parella, sentarache fenomenal!

Psicóloga Lugo

Janet Díaz

Existe realmente a media laranxa?

O mito da media laranxa di que todos temos unha parella ideal nalgún lugar esperándonos.

 

Psicóloga irónica modo on

Pode existir algo máis bonito que un amor que nos converta en seres completos, nos salve, lle dea sentido as nosas vidas e que evite que sexamos uns desgraciados?

Mentres esperamos con ansias a que apareza a nosa parella salvadora, ou mesmo se temos un día tristón, non se me ocorre mellor plan que pasar unha tarde de sofá con Bridget Jones e escoitar música para sufrir.

Estamos predestinados para unha persoa e non hai nada máis marabilloso que encontrala. Unha vez atopada a nosa media laranxa, debemos sacrificalo todo polo ben da relación, faremos e soportaremos o que sexa necesario con tal de seguir ao lado desa persoa. Hai que aguantar, porque o amor pódeo todo e si amamos con gran intensidade, superaremos calquera obstáculo.

Estamos feitos o un para o outro, como tirar a toalla por calquera contratempo? O amor todo o pode. Se exiten moitos celos é polo moito que nos quere. Se nos humilla é porque tivo un mal día, pero no fondo é moi boa persoa. Se nos menosprecia é porque algo faríamos para merecelo. Se nos dá unha patada é porque perdeu os nervios, pero no fondo quérenos moitísimo. Debemos aguantar, estamos predestinados, é a salvación a nosa soidade, é o único medio co que contamos para ter unha vida plena. Por iso debemos permitir calquera trato con tal de que a relación continúe

Esaxero?

 

A media laranxa

Despois de ler os parágrafos anteriores, entenderás que a visión de parella que transmite o mito da media laranxa é terrible. Eso de “é que o necesito”, “estamos feitos o un para o outro”,“menos mal que nos atopamos”, etc. son distintas formas de expresar este absurdo mito que nos encamiña á un presente e un futuro moi escuro.

É algo prexudicial pero… É un argumento que se repite en multitude de películas e historias románticas. Dende as pantallas de cines ou televisións, contos, novelas, revistas, etc. trasmítesenos unha idea de amor romántico moi pouco saudable. Con este bombardeo “informativo” é relativamente sinxelo que esta mensaxe vaia calando no noso subconsciente e acabemos crendo, ou incluso defendendo, que somos seres incompletos sen o amor da nosa media laranxa.

Coñecedes a canción de “sin ti no soy nada”? Deberíannos sangrar os oídos cada vez que escoitamos este tipo de letras, e sen embargo entonamos a canción (ata se nos pon o ollo brillante se estamos algo sensibles) como se estivese escrita para nós. “Mi alma, mi cuerpo, mi vooooz, no sirven de nadaaa”.

Non lle quero botar toda a culpa á sociedade, á cultura, a Hollywood ou aos irmáns Grimm. Cada un de nós tamén ten parte de responsabilidade. Somos seres intelixentes, temos a capacidade para cuestionarnos o que nos venden os medios de comunicación ou o párroco da nosa igrexa. Pensemos de forma crítica, cuestionémonos as regras do xogo que nos “impoñen”. Deixemos de alimentar mitos absurdos. Racionalicemos, realmente credes que somos seres incompletos e só acharemos a felicidade cando atopemos a esa persoa que está predestinada para nós?

Eu dende logo teño a resposta moi clara.

 

Ti non necesitas a ninguén para sentirte, e ser, unha persoa completa

Non es un ser incompleto e a túa felicidade non depende de atopar a túa media laranxa. Recapacita.

“Nada máis velo, xa souben que era para min”. Un flechazo é algo simple, só se necesita atracción física e algúns intereses comúns para rellenar unha conversa e… Bolboretas no estómago, unicornios e arcoiris de cores! Como vamos a saber nada máis ver a unha persoa que é a nosa media laranxa? Sen nin sequera coñecela, só porque a bioquímica do noso cerebro non arrastra a unha fase de babeo e ganas de fornicio? Analízao, como podes estar convencido de que esa persoa é a túa media laranxa antes incluso de coñecela?

“É celoso porque me quere, ten medo a perderme”. Os celos non son un medidor do amor. Non son máis ca un signo de posesividade e debería ser un signo de alarma, non de alarma de “oh, ámame” senon de alarma “pés, para que vos quero!”.

“A miña parella coidame moitísimo, ben deito dela”. Se non es capaz de limpiarte só o cu e dependes dos demáis para alimentarte, por exemplo, entón claro que necesitas a alguén que te coide. Pero si es autónomo nas actividades da vida diaria e o que che pasa é que es un cómodo, non necesitas a unha parella para que te coide, necesitas un asistente.

“As tarefas da casa fágoas eu porque a miña parella non sabe ou non lle gusta, e non quero que se disguste”. As tarefas do fogar non se fan porque se disfrute limpiando a taza do váter, faise porque o hai que facer, é iso ou ter que andar pola casa en catiuscas. Aprender a limpiar o baño, cambiar as sábanas ou limpar os cristais non é tan complicado.

Se caes en erros como os que acabo de apuntar debes reflexionar.“Síntome incompleto sen unha persoa ao meu lado, por iso fago o que sexa con tal de non quedarme só”. Trata de mellorar a túa autoestima e intenta desengancharte da dependencia emocional, verás como o conto cambia. Naciches completo, o resto son patrañas.

 

Para rematar

Detente a cavilar, que é máis romántico, máis saudable, máis maduro… Estar coa túa parella porque estades condenados a encontrarvos? Ou porque vos elixístedes dunha forma libre entre milleiros de persoas compatibles?

Unha relación sana non se basea en dous seres incompletos que se necesitan, baséase en dúas persoas que son completas e que deciden ser felices unha ao lado da outra. “Ni más ni menos, ni más ni menos” que cantarían Los Chichos (terrible canción, por certo).

Non eres un ser incompleto, eres un ser íntegro. Non necesitas a ninguén ao teu lado para ser feliz. Non busques completarte por medio doutra persoa, non busques a felicidade no outro, búscaa en ti.

ser incompleto

 

Psicóloga Janet Díaz

A túa psicóloga en Lugo

 

Como mellorar as relacións familiares: a proba do veciño

A vida familiar na nosa casa non sempre transcurre en paz e harmonía. A convivencia a veces complícase e acabamos berrando e comportándonos dun xeito pouco axeitado cos nosos seres queridos.

As relacións familiares tensas repercuten no noso benestar e na nosa saúde psíquica. Razóns máis que suficientes para intentar melloralas, non? Para lograr unha boa convivencia  é fundamental traballar o autocontrol, e disto vou a falarvos hoxe.

 

Como psicóloga recoméndovos a “proba do veciño”

Imaxina que estás na casa coa túa familia, berrándovos por calquera motivo, con pullitas varias e incluso algún descalificativo. Os cativos deixaron tódolos xoguetes espallados, a túa parella non colabora nas tarefas diarias… Odiseas diversas! Seguro que non che costará imaxinar a estampa. E de repente… Un veciño tímbravos! En cuestión de segundos todo se calma (aparentemente): baixase o ton de voz e ordéase un pouco por riba a casa (recollemos eso que está tirado no chan, apartamos a montonera de roupa da silla…), invitámolo a pasar, ofrecémoslle algo para tomar e larapexamos un pouco. E ao mesmo tempo esa tensión que tiñamos parece desvanecerse.

Está claro que si queremos podemos controlarnos e non andar a berros. O curioso é que necesitemos a alguén alleo para exercitar o noso autocontrol, non cres?

 

Por que non intentalo?

Serías capaz de comportarte cos teus fillos/parella/irmáns/pais… un día enteiro como si tiveses un invitado na túa casa?

Trátase de que intentes pasar un día enteiro como si o teu veciño vos estivera observando. Serías capaz de non decirlles nada aos teus que o veciño non poidera escoitar?

A moitas persoas resúltalles moi moi difícil, pero hai que intentalo, os resultados son moi beneficiosos. Tanto a ti como ás persoas coas que convives necesitades que vos falen de forma respetuosa e cariñosa, evitando palabras de desaliento, comentarios duros, e demáis críticas destructivas que se vos colan diariamente polos roces do día a día.

 

Que se consegue coa proba do veciño? Autocontrol

Trátase de traballar o autocontrol e comprobar que existe un modo máis adecuado de relacionarse con nosos pais, parella, fillos, irmáns ou compañeiros de piso.  Non fai falla que esté presente un veciño para comportarse dun modo correcto e equilibrado.

As visitas inoportunas poden ser fastidiosas, pero tamén poden ser un bálsamo para as situacións tensas. Practica esta proba unha vez á semana e observa os resultados!

 

proba veciño

Bibliografía

Punset, E. Brújula para navegantes emocionales (2008).

 

Janet Díaz Portela

Psicóloga en Lugo

 

Mantés unha relación tóxica? Desfaite dela!

Estar sumido/a nunha relación tóxica é moi prexudicial. Podes estar inmerso/a nela sen decatarte, por dependencia emocional, por medo aos cambios e por unha infinidade de motivos máis. Pero a realidade é que nada xustifica que aguantes ao teu lado a unha persoa dañina.

Se ti, a túa parella ou os dous sufrides máis do que disfrutades da vosa relación, é moi probable que a relación que manteñades sexa tóxica. Que teñas unha relación deste tipo non implica necesariamente que ti sexas tóxico/a, simplemente esa unión non te beneficia.

Este artigo está encamiñado, única e exclusivamente, a que recapacites. Dunha forma clara e directa ireiche facendo preguntas, ogallá che fagan reflexionar.

 

Factores que te fan máis vulnerable a vivir nunha relación tóxica

Os seguintes factores fan as persoas máis vulnerables a ter relacións tóxicas, pero non as abocan necesariamente a elas. Enténdeo coma un sorteo, cantas máis papeletas teñas, máis probabilidades terás de que che toque o “premio”.

1. A túa autoestima

Tes unha autoestima alta ou máis ben baixa? Se tes unha baixa autoestima cres que te sentirás digno/a dun amor san e equilibrado? Probablemente esteas tentado/a de conformarte con calquera tipo/a, con tal de que che faga algo de caso…

2. A historia de amor de teus pais: entre eles e hacia ti

Queríanse? Respetábanse? Sentíaste querido/a? Tratábante ben?

A relación amorosa que mantiñan teus pais e a forma en como te trataban inflúen moito nas crenzas que teñas sobre o amor. O pasado non determina o teu presente, pero si o modula.

3. Relacións pasadas

Tiveches sorte de disfrutar de relacións sanas e equilibradas ou polo contrario viviches unha chea de relacións que foron unha auténtica tortura?

Será que estás escollendo unha e outra vez un perfil de parella similar? Por que?

4. O que a sociedade che di que é o amor

Ese amor romántico de película onde todo é tan perfecto como nun anuncio de compresas.

Xa sabes a que me refiro:

  • o amor todo o pode,
  • se a túa parella é celosa é porque está moi namorada,
  • no nome do amor pódese e débese sufir.

Créelo?

 

Estás nunha relación tóxica?

Unha relación tóxica é un lastre para ti, pero moitas veces non somos conscientes de que estamos nunha. A continuación ensínoche a identificala:

1. Violencia física e/ou psicolóxica

Temos máis ou menos claro o que é a violencia física, pero a psicolóxica é máis sutil e difícil de identificar. Debes saber que a violencia psicolóxica é igual de importante que a física. Repito, a violencia psicolóxica é igual de importante que a física.

Humíllate? Despréciate? Mínteche? Íllate? Non atende as túas necesidades emocionais? Contrólate?

Se a algunha, ou a moitas, destas preguntas respondes cun si, ollo! Estás nunha situación de perigo.

2. Dependencia emocional

Necesitas a túa parella para vivir? Cres que a túa parella é imprescindible na túa vida? Ou polo contrario elixes, prefires, desexas a túa parella sabendo que sen ela tamén poderías ser feliz?

Se respostaches ás dúas primeiras preguntas cun si… Alerta!

Se contestaches á última pregunta cun si… Parabéns! Librácheste dunha boa.

3. Queres a túa parella ou cres querela

Amas a túa parella de forma incondicional con virtudes e defectos ou pola contra intentas cambiala? Desexarías que fose unha persoa distinta e ao non logralo sufres (e faslle sufrir a túa parella)?

 

Que facer se estás nunha relación tóxica

Unha relación tóxica é sufrir, e sufrir non é igual a amor. Polo tanto, se non tes amor dentro da túa relación de parella, por que permanecer nela?

1. Toma unha decisión

Corta coa relación, pero non de calquera maneira, de forma radical!

2. Pon distancia

Isto significa contacto cero, polo menos durante un tempo. Evita velo/a e saber del/dela:

  • esquécete de quedar con el/ela,
  • non o/a chames nin lle collas se te chama,
  • nada de mandar whatsapps,
  • deixa de seguilo/a no facebook, instagram e demáis redes sociais,
  • intenta que el/ela non sexa o teu monotema e o teu monopensamento.

Esa relación é tóxica para ti, e para lograr desintoxicarte é imprescindible poñer distancia.

É difícil? Si.

É imposible? Non.

3. Fai cambios na túa vida

A mellor historia de amor que podes vivir é contigo memo/a, moitivo máis que suficiente para tratar de mellorala.

É moi habitual que despois dunha relación tóxica a túa autoestima estea polos suelos, por iso é importante que trates de traballala. Se non o podes facer solo/a recoméndoche que busques axuda profesional, eu como psicóloga en Lugo estarei encantada de botarche unha man.

 

Para rematar

Se xa tes claro que estás metido/a nunha relación tóxica, a que esperas para facer algo? Unha relación tóxica é igual a sufrimento, e gustaríame que che quedase claro que o sufrimento é incompatible amor.

Non permitas que ninguén condicione a túa felicidade.

amor

Janet Díaz Portela

Psicóloga en Lugo

 

Catro indicadores de que unha parella vai por mal camiño

Hai determinados comportamentos nas parellas que son indicativos de que a relación vai ou debe acabar. O psicólogo John M. Gottman leva décadas estudando isto e atopou catro conductas que predicen o final dunha relación, o que el chama os catro xinetes do Apocalipsis.

1. As críticas destructivas

Son as críticas contínuas hacia a outra persoa, nas que hai descalificacións e ataques directos. Trátase de xuízos en contra da parella, non hacia os seus actos e, por suposto, non aportan nada bo á relación. Temos todo o dereito a queixarnos das cousas que non nos gustan, pero hai que saber diferenciar entre as críticas constructivas e as destructivas.

Un exemplo dunha crítica destructiva sería se lle dis a túa parella “es un egoísta, non tes remedio, só pensas en ti”. Como cres que se vai a sentir esa persoa ao escoitar isto? Probablemente atacada, rexeitada e ferida.

As críticas destructivas inclúen etiquetas, xeneralizacións, exprésanse en segunda persoa, son despectivas e buscan crear culpa e malestar na outra persoa. Unha crítica constructiva, en cambio, refírese a algo concreto do comportamento. Non é o mesmo dicir “sentoume mal que non te acordaras de baixar o lixo” que dicir “eres un inútil, nin de baixar o lixo te acordas!”.

Queixate por algo que fai a outra persoa, non por como é. Non é o mesmo “actuar así” que “ser así”.

2. Estar á defensiva

Si na relación hai unha dinámica tóxica e ante calquera queixa reaccionades atacando ao outro, estádesvos poñendo á defensiva. Culpar á outra persoa (polo que sexa) e facer que se sinta mal, só axudará a alimentar o mal ambiente da parella.

Estar á defensiva, normalmente, trae consigo actitudes non respetuosas hacia o outro. Conleva un ataque como resposta, e este pode ser en forma de reproche, ameaza, xuizos… Se un  lle pregunta ao outro “por que non queres que vaiamos á casa dos meus pais?”, e este responde “porque ti tampouco queres ir á dos meus”, está atacando, facéndose a víctima e queixándose; un cóctel que favorece o círculo vicioso do “e ti máis” (tan maduro como as discusións de patio de colexio).

Se a vosa relación se basea en culpar e responsabilizar ao outro do conflicto, se carecedes de autocrítica, tendedes á xustificación e incluso ao victimismo, os conflictos non só non se van a resolver, senon que van a empeorar. Recordade, os humanos somos seres racionais: intentade aceptar as críticas (constructivas) e interesádevos pola opinión da vosa parella.

Por favor, esquecede iso de que “a mellor defensa é un ataque”.

3. Atrincherarse

Atrincherarse? Seguro que si que sabes o que é, e incluso o teñas feito ou padecido. Esta actitude maniféstase cando un dos membros da parella está plantexando algunha queixa ou crítica e o outro mostra indiferenza.

Se vos cerrades en banda, deixando ao outro  de lado, estades dando a enterder que os sentimentos e opinións da outra persoa non vos importan. Facer como que non se escoita, mirar para outro lado, poñerse a trebellar co teléfono móbil, facer como que o outro non existe… son actitudes dañinas para a parella que alimentan os sentimentos de rabia e resentimento.

O contrario ao amor non é o odio, é a indeferenza. Se a vosa parella vos é indiferente ou viceversa, quizais sexa o momento de emprender camiños separados.

4. O desprecio

Este é o “xinete” máis perigoso. O desprecio vai da man da actitude de superioridade e de falta de respeto hacia a outra persoa. Maniféstase con burlas, humillacións, sarcasmo, xestos, ameazas, insultos, con imitacións ou con palabras con intención explícita de dano.

“Teño que repetircho cen veces porque eres fat@ ou é que non entendes o galego?”. Non fai falla explicar as consecuencias negativas que conleva este tipo de comentarios despectivos nunha relación de parella (ou en calquera relación interpersoal).

O desprecio emprégase para infravalorar á outra persoa, a mensaxe é “eu son mellor ca ti”. Isto non é compatible co amor e predice dunha forma moi segura o fin dunha relación. É imposible solucionar un problema se a túa parella pensa (porque decidiu) que non estás a súa altura, e, dende logo, ti non deberías seguir nunha relación na que a túa parella che fai sentirte mal.

Lembra

Todas as relacións teñen conflictos, períodos bos e períodos malos. Pero si a túa parella se burla de ti, te desprecia, te humilla, e nunca asume a súa parte da responsabilidade nos problemas: DEIXA@!

Non permitas que ninguén te trate mal; iso non é amor, é dependencia emocional.

relación

Bibliografía:

John M. Gottman (2010). Siete reglas de oro para vivir en pareja: un estudio exhaustivo sobre las relaciones y la convivencia.

Janet Díaz Portela

Psicóloga social e sanitaria 

Col. G-5097

Sexo e parella, por que diminúe a paixón?

O 50% dos matrimonios padecen dificultades no plano sexual, e así o confirman investigacións científicas. Ao principio do noviazgo a paixón atópase no seu cume e as ganas de ter sexo están a orde do día, pero co paso do tempo esa lapa vaise consumindo e se non se coida pode acabar apagándose.

A raíz do problema

A día de hoxe, o sexo ainda segue a ser un tema escabroso para moitas persoas, e non é inusual que a moitas parellas lles coste falar deste tema con naturalidade. Pero, por que?

1. Insuficiente educación sexual

A maioría dos mortais, sobretodo os que peiteamos canas, iniciámonos no terreo sexual sen saber moi ben como facelo, titubeando e cheos de dúbidas. Os coñecementos sobre o sexo veñen da man de:

  • Batalliñas varias contadas pol@s nos@s amig@s adolescentes (probablemente igual de desinformados ca nós), que se resumen en: fulanit@ díxome que futanit@ lle contara que fixera esto ou aqueloutro.
  • O que poidemos ler en revistas de cuestionable rigor científico cheas de pósters dos grupos musicais da época.
  • O que vimos nalgunha película.
  • Explicacións dalgún profesor@ que se centraban case exclusivamente nos métodos anticonceptivos.
  • Tentativa informativa dalgunha nai ou pai armados de valor, baseándose principalmente na “escola da vida”.

2. Descoñecemento da fisioloxía sexual

Descoñecemos ou coñecemos a medias a anatomía sexual do outro, e nos peores casos, a propia. Sorprenderíadesvos da cantidade de persoas que son saben localizar ou estimular un clítoris, por exemplo.

3. Problemas de comunicación coa parella

É moi habitual que cando os membros dunha parella falan das súas necesidades sexuais, o fagan a través de indirectas. Se non expresades claramente as vosas necesidades, será complicado, ou máis ben milagreiro, que a vosa parella sepa cales son os vosos desexos. Ademáis, a veces esquécesenos que a comunicación serve para algo máis que para culpar ao outro.

Catro consellos para conservar a chispa

A sexualidade  implica factores fisiolóxicos, emocionais e cognitivos, e garda unha estreita relación co estado de saúde e coa calidade de vida das persoas, razóns máis que suficientes para coidala. Tomade nota!

1. Falade de sexo sen vergoña

Sede claros co que queredes para poder obtelo . Tratade o tema con naturalidade, expresándovos líbremente e sen restriccións. Falade dos vosos  desexos, expresade o que vos gusta ou decide o que o vos gusta menos; para ter unha vida sexual satisfactoria é algo totalmente necesario.

Debedes acentuar o positivo e non centrarvos no negativo, mesmo se non estades satisfeitos coas vosas relacións sexuais. É moito mellor que lle digades a vosa parella “Como me gustou que o domingo me dixeras que tiñas ganas de sexo”, ca “é que case nunca tomas a iniciativa!”. Apreciades a diferenza, non? Coa segunda opción expresades abertamente unha crítica  ou queixa, o que pode xerar rexeitamento, culpa, vergoña ou ata enfado na outra persoa; en cambio ao poñer o énfasis no que vos gusta (ainda que aconteza poucas veces) estades reforzando esa conducta e a probabilidade de que se repita no futuro aumentará.

2. Tede expectativas realistas sobre o sexo

Unhas expectativas demasiado elevadas obstaculizan que gocedes co sexo. Debedes separar a realidade da ficción e non deixarvos influenciar polo que digan outras persoas, non existe o coito perfecto así que rexídevos só polo que a vós vos gusta e satisface.

As relacións sexuais deben ser variadas, tanto en intensidade, como en duración ou modalidade, fuxide da monotonía! As apetencias varían, ou a vós sempre vos gusta comer o mesmo? (obviade o chiste fácil). Dieta variada, pois no sexo tamén.

3. Averiguade ou profundizade nos gustos da vosa parella

É moi importante que lle digas a túa parella que é o que che gusta, pero non te centres só niso, tamén debes averiguar que é o que lle gusta a el ou ela. Para que a vosa vida sexual mellore é imprescindible que coñezades ben os gustos do outro, e obviamente, que empreguedes esa información.

Por exemplo, se sabedes que a/o vos@ acompañante se devece cando lle lambedes os pezóns, a que esperades para poñervos en acción?

Ollo, non se trata de complacer ao outro a toda costa, a clave está en disfrutar os dous. Se algo non vos gusta ou non vos apetece non o fagades, o sexo está para gozar, non é unha obriga.

4. Compartide as vosas fantasías sexuais

Se nunca o fixestedes, podedes compartir as vosas fantasías sexuais e se estades dacordo, incluso realizalas. A clave está en ser amable, pedide correctamente o que desexades e reaccionade dun modo adecuado ás peticións do outro. Non se trata de que accedades a tódalas demandas, nin moito menos, só a aquelas coas que vos sintades cómod@s.

Debedes consideralo coma un xogo, se a vosa parella vos pide que simuledes ser un/unha descoñecid@, non o tomedes mal, é só unha fantasía.

paixón

Para rematar

Agora só vos queda aplicar estes consellos para tentar mellorar a vosa vida sexual. Se as dificultades no plano sexual se manteñen podedes acudir a un psicólogo, non teñades vergoña, nesta profesión estamos acostumados a abordar problemáticas deste tipo con naturalidade, nun ambiente de total confidencialidade.

Vos sodes os responsables de que a vosa relación sexa feliz, apaixoada e duradeira, non permitades que a chispa se apague.

Janet Díaz Portela

Psicóloga social e sanitaria

Colexiada G-5097


Notice: Undefined index: opcion_cookie in /home/psicol31/public_html/wp-content/plugins/click-datos-lopd/public/class-cdlopd-public.php on line 416

Notice: Undefined variable: input_porcentaje in /home/psicol31/public_html/wp-content/plugins/click-datos-lopd/public/class-cdlopd-public.php on line 484