O 50% dos matrimonios padecen dificultades no plano sexual, e así o confirman investigacións científicas. Ao principio do noviazgo a paixón atópase no seu cume e as ganas de ter sexo están a orde do día, pero co paso do tempo esa lapa vaise consumindo e se non se coida pode acabar apagándose.
A raíz do problema
A día de hoxe, o sexo ainda segue a ser un tema escabroso para moitas persoas, e non é inusual que a moitas parellas lles coste falar deste tema con naturalidade. Pero, por que?
1. Insuficiente educación sexual
A maioría dos mortais, sobretodo os que peiteamos canas, iniciámonos no terreo sexual sen saber moi ben como facelo, titubeando e cheos de dúbidas. Os coñecementos sobre o sexo veñen da man de:
- Batalliñas varias contadas pol@s nos@s amig@s adolescentes (probablemente igual de desinformados ca nós), que se resumen en: fulanit@ díxome que futanit@ lle contara que fixera esto ou aqueloutro.
- O que poidemos ler en revistas de cuestionable rigor científico cheas de pósters dos grupos musicais da época.
- O que vimos nalgunha película.
- Explicacións dalgún profesor@ que se centraban case exclusivamente nos métodos anticonceptivos.
- Tentativa informativa dalgunha nai ou pai armados de valor, baseándose principalmente na “escola da vida”.
2. Descoñecemento da fisioloxía sexual
Descoñecemos ou coñecemos a medias a anatomía sexual do outro, e nos peores casos, a propia. Sorprenderíadesvos da cantidade de persoas que son saben localizar ou estimular un clítoris, por exemplo.
3. Problemas de comunicación coa parella
É moi habitual que cando os membros dunha parella falan das súas necesidades sexuais, o fagan a través de indirectas. Se non expresades claramente as vosas necesidades, será complicado, ou máis ben milagreiro, que a vosa parella sepa cales son os vosos desexos. Ademáis, a veces esquécesenos que a comunicación serve para algo máis que para culpar ao outro.
Catro consellos para conservar a chispa
A sexualidade implica factores fisiolóxicos, emocionais e cognitivos, e garda unha estreita relación co estado de saúde e coa calidade de vida das persoas, razóns máis que suficientes para coidala. Tomade nota!
1. Falade de sexo sen vergoña
Sede claros co que queredes para poder obtelo . Tratade o tema con naturalidade, expresándovos líbremente e sen restriccións. Falade dos vosos desexos, expresade o que vos gusta ou decide o que o vos gusta menos; para ter unha vida sexual satisfactoria é algo totalmente necesario.
Debedes acentuar o positivo e non centrarvos no negativo, mesmo se non estades satisfeitos coas vosas relacións sexuais. É moito mellor que lle digades a vosa parella “Como me gustou que o domingo me dixeras que tiñas ganas de sexo”, ca “é que case nunca tomas a iniciativa!”. Apreciades a diferenza, non? Coa segunda opción expresades abertamente unha crítica ou queixa, o que pode xerar rexeitamento, culpa, vergoña ou ata enfado na outra persoa; en cambio ao poñer o énfasis no que vos gusta (ainda que aconteza poucas veces) estades reforzando esa conducta e a probabilidade de que se repita no futuro aumentará.
2. Tede expectativas realistas sobre o sexo
Unhas expectativas demasiado elevadas obstaculizan que gocedes co sexo. Debedes separar a realidade da ficción e non deixarvos influenciar polo que digan outras persoas, non existe o coito perfecto así que rexídevos só polo que a vós vos gusta e satisface.
As relacións sexuais deben ser variadas, tanto en intensidade, como en duración ou modalidade, fuxide da monotonía! As apetencias varían, ou a vós sempre vos gusta comer o mesmo? (obviade o chiste fácil). Dieta variada, pois no sexo tamén.
3. Averiguade ou profundizade nos gustos da vosa parella
É moi importante que lle digas a túa parella que é o que che gusta, pero non te centres só niso, tamén debes averiguar que é o que lle gusta a el ou ela. Para que a vosa vida sexual mellore é imprescindible que coñezades ben os gustos do outro, e obviamente, que empreguedes esa información.
Por exemplo, se sabedes que a/o vos@ acompañante se devece cando lle lambedes os pezóns, a que esperades para poñervos en acción?
Ollo, non se trata de complacer ao outro a toda costa, a clave está en disfrutar os dous. Se algo non vos gusta ou non vos apetece non o fagades, o sexo está para gozar, non é unha obriga.
4. Compartide as vosas fantasías sexuais
Se nunca o fixestedes, podedes compartir as vosas fantasías sexuais e se estades dacordo, incluso realizalas. A clave está en ser amable, pedide correctamente o que desexades e reaccionade dun modo adecuado ás peticións do outro. Non se trata de que accedades a tódalas demandas, nin moito menos, só a aquelas coas que vos sintades cómod@s.
Debedes consideralo coma un xogo, se a vosa parella vos pide que simuledes ser un/unha descoñecid@, non o tomedes mal, é só unha fantasía.
Para rematar
Agora só vos queda aplicar estes consellos para tentar mellorar a vosa vida sexual. Se as dificultades no plano sexual se manteñen podedes acudir a un psicólogo, non teñades vergoña, nesta profesión estamos acostumados a abordar problemáticas deste tipo con naturalidade, nun ambiente de total confidencialidade.
Vos sodes os responsables de que a vosa relación sexa feliz, apaixoada e duradeira, non permitades que a chispa se apague.
Janet Díaz Portela
Psicóloga social e sanitaria