Cando o corpo che fala |Psicóloga Lugo

somatizar emocións

O corpo fálanos, a veces escoitámolo e outras moitas ignorámolo…

Comezo con preguntas

Admites que o corazón se che aceleraba cando vías ao teu namorado/a nas primeiras citas?

Aceptas que os poros da túa pel expelen suor cando estás moi nervioso/a, que che tremen as mans e que incluso tes náuseas?

Decátaste de que cando te asustas o corpo se che bloquea?

Recoñeces como ante unha situación de estrés che doe a cabeza?

Notas que cando estás enfadado/a alzas a voz case sen querelo?

Observaches que andas máis despacio e con máis pesadez cando estás triste?

Se es algo observador/a seguramente respostaches cun si á maioría destas cuestións (ou a todas). Pero sospeito que en outras moitas situacións non recoñeces como reacciona o teu corpo ante as emocións. Tranquilo/a, non che acontece só a ti.

 

A mente inflúe no teu corpo

As bágoas son unha resposta fisiolóxica a un sentimento (exceptuando as que nos afloran ao picar cebola). Un simple recordo pode facerche chorar, ainda que tamén pingarás se estás moi triste ou se estás moi moi contento/a. As emocións que sintes ao escoitar esa canción ou ao mirar aquela  fotografía, fan que brote auga salgada dos teus ollos. Extraordinario, verdade? E se o queres facer a posta, non che sae!

A vergoña ou a intensa ledicia poden facer que te poñas colorado/a coma un tomate (hoxe deume coas verduras). Que curioso que estas emocións provoquen por si soas que  os vasos sanguíneos da túa cabeza e pescozo se dilaten e se enchan de sangue. E todo sen ti pretendelo!

O teu corpo expresa as emocións de diversas formas. E hai reaccións corporais moitísimo máis espectaculares ca un leve rubor ou ca unhas bágoas derramadas.

 

A somatización

A somatización é un proceso mediante o cal experimentamos síntomas físicos provocados por motivos psicolóxicos, é dicir, é a expresión física do malestar psíquico. Aos meus pacientes acostumo a decirlles que o corpo berra o que a boca cala…

Somatizacións máis comúns

As somatizacións poden afectar a calquera parte do corpo, e algunhas das máis habituais son:

  • Dores: de cabeza, de espalda, de peito, articulares, ao ouriñar, etc.
  • Síntomas cardiorrespiratorios: palpitacións, presión no peito, sensación de afogo…
  • Problemas gastrointestinais: náuseas, vómitos, diarrea, gases, hinchazón de estómago…
  • Síntomas neurolóxicos: pérdida de equilibrio, sensación de debilidade, espasmos musculares, sensación de dificultade para deglutir ou tragar, etc.
  • Fatiga ou cansancio crónico
  • Disfuncións sexuais: problemas de erección, dor nos órganos sexuais durante o sexo, exaculación precoz, falta de apetencia, etc.

 

Orixe psicolóxica, manifestación física

As afliccións emocionais quedan ocultas ao experimentar malestar físico, por iso non se acostuma a buscar unha explicación psicolóxica e se tira máis de médico de cabeceira. De media, un tercio das persoas que acoden a atención primaria presentan síntomas que, médicamente, son indescifrables. Non estou decindo que tódolos síntomas sen explicación médica sexan somáticos. Hai enfermidades pasaxeiras que non aparecen nos análises rutinarios. Tamén hai enfermidades que sobrepasan os límites do coñecemento científico. E nin que dicir dos recortes en Sanidade. Sen embargo, entre as persoas con síntomas físicos sen causa orgánica hai un amplio grupo no que a somatización é a resposta.

Aceptemos o poder da mente sobre o corpo

Se tes unha cefalea para a que os médicos non atopan explicación, pásaseche pola cabeza acudir ao psicólogo?

Se experimentas dixestións difíciles non existindo razóns médicas para elas, pides cita para a psicóloga?

Se sintes palpitacións e che descartaron problemas cardiacos, pásaseche pola cabeza ir a xunto do psicólogo?

Se o urólogo che dixo que non tes ningún problema físico que motive os problemas de erección, vas á psicóloga?

Síndrome do Intestino Irritable

Ata o momento, a única causa identificada como estable en tódalas persoas con colon irritable son os altos niveis de estrés. Esta enfermidade gastrointestinal crónica caracterízase por fortes dores abdominais e/ou alteracións no ritmo intestinal, sin que exista ningún tipo de causa infecciosa ou alteracións morfolóxicas ou metabólica que poidan xustificar ditos síntomas. E cantas persoas que padecen este cadro patolóxico acoden ao psicólogo? Moi poucas.

Sentidiño

Ollo, non che digo que cando sintas pitidos no oído ou mareos, por exemplo, vaias directamente ao psicólogo. Pero si che propoño que se o/a médico/a ou otorrino/a descarta unha posible causa física, veñas a verme.

 

Cando as emocións non son expresadas, son somatizadas

Hai persoas máis propensas a somatizar, sobretodo aquelas que non expresan as súas emocións. Non se trata dun problema mental, senon que é consecuencia da relación que existe entre mente e corpo.

Párate un momentiño a observarte…

  • Como estás agora físicamente?
  • Acumulas tensións?
  • Cres que poderían estar indicándoche algo?

 

Escoita ao teu corpo e dalle o que necesita.

 

Psicóloga Lugo

Janet Díaz

Bibliografía

O´Sullivan, S. Todo está en tu cabeza. Ariel (2016).

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


Notice: Undefined index: opcion_cookie in /home/psicol31/public_html/wp-content/plugins/click-datos-lopd/public/class-cdlopd-public.php on line 416

Notice: Undefined variable: input_porcentaje in /home/psicol31/public_html/wp-content/plugins/click-datos-lopd/public/class-cdlopd-public.php on line 484