A masturbación é boa ou mala? | Psicólogo Lugo

beneficios da masturbación

Históricamente a masturbación foi unha práctica sexual mal vista. Moitas culturas e relixións asociárona a algo pecaminoso e, incluso, nocivo para a saúde. “Non te masturbes que te vas quedar cego/a”, “vanche sair granos”, “quedaraste estéril”, “irás ao inferno”, etc. Pa-pa-rru-chas (encántame esta palabra), todas estas crenzas non teñen ningunha base científica. O que si se demostrou é que a masturbación non é prexudicial para a saúde, senón máis ben todo o contrario.

 

Beneficios da masturbación

1. Pracer ao alcance da man

Coa masturbación experimentamos sensacións pracenteiras. Co orgasmo libérase un torrente de endorfinas, dopamina e oxitocina, substancias que nos poñen de bo humor e nos fan sentirnos ben.  Necesitamos algunha razón máis para masturbarnos?

2. Favorece o autocoñecemento

Coñecer o noso corpo e o seu funcionamento é algo básico, e cando digo corpo refírome a todo o corpo, incluindo os xenitais.  A autoestimulación axúdanos a explorar a nosa sexualidade, permítenos averiguar que é o que nos excita, cales son os nosos ritmos, onde nos gustan máis as caricias…

3. Enriquece as relacións de parella

Se nos masturbamos, coñeceremos a perfección o noso mapa erótico. Isto permitirá que poidamos explicarlle ou ensinarlle a nosa parella (ou ao/á amante bandido/a) que é o que nos gusta.

Cada persoa é única, que ti te debezas polas mazás non implica que a min me agraden. Pero con demasiada frecuencia tendemos a dar por sentado que o/a noso/a compañeiro/a sexual vai a saber perfectamente cales son os nosos desexos. E é que por moi boas artes amatorias que se posúan, é imposible coñecer cales son as preferencias do/a compañeiro/a de cama a non ser que se digan, e para comunicarlas primeiro temos que ter claro nós mesmos/as cales son.

 

Se teño parella, teño que deixar de masturbarme?

Non.

Hai unha crenza errónea que consiste en pensar que a masturbación se practica só en etapas de soltería ou cando non se comparte a sexualidade con ninguén. Pero o certo é que a masturbación non é incompatible con ter parella.

Hai persoas que pensan que se a súas parellas se masturban é porque non están satisfeitos/as sexualmente, pero isto non é así. Unha persoa pode desexar e practicar a masturbación en solitario e o sexo en parella, non son aspectos excluintes.

Tamén hai quen cre que se a súa parella se masturba, terá menos ganas de practicar sexo con el/ela. Pero acostuma a acontecer o contrario. Quen mantén a masturbación individual, enriquece a súa vida sexual e a acción chama á acción, o que repercute no aumento das ganas de ter máis encontros sexuais. A excitación orixínase no cerebro e canto máis pracer nos deamos, máis desexo teremos, porque pensaremos máis no sexo. Pola contra, cando levamos un tempo sen estimular os xenitais, pensamos menos no sexo, o que conleva a un menor desexo.

 

Para rematar

A masturbación é unha práctica normal, agradable e boa para a saúde. Non ten nada de malo, sempre e cando se faga con moderación e, por suposto, na intimidade.

Non escribo este artigo co afán de obrigar a ninguén a masturbarse, pero si que o recomendo moito. Se naturalizamos a masturbación e a vivimos con toda naturalidade, disfrutaremos máis da nosa sexualidade e sentirémonos mellor. Mans á obra!

Psicóloga Lugo

Janet Díaz

 

Bibliografía

https://www.bbc.com/mundo/noticias/2016/05/160511_salud_masturbacion_beneficios_il

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *