O mito da media laranxa di que todos temos unha parella ideal nalgún lugar esperándonos.
Psicóloga irónica modo on
Pode existir algo máis bonito que un amor que nos converta en seres completos, nos salve, lle dea sentido as nosas vidas e que evite que sexamos uns desgraciados?
Mentres esperamos con ansias a que apareza a nosa parella salvadora, ou mesmo se temos un día tristón, non se me ocorre mellor plan que pasar unha tarde de sofá con Bridget Jones e escoitar música para sufrir.
Estamos predestinados para unha persoa e non hai nada máis marabilloso que encontrala. Unha vez atopada a nosa media laranxa, debemos sacrificalo todo polo ben da relación, faremos e soportaremos o que sexa necesario con tal de seguir ao lado desa persoa. Hai que aguantar, porque o amor pódeo todo e si amamos con gran intensidade, superaremos calquera obstáculo.
Estamos feitos o un para o outro, como tirar a toalla por calquera contratempo? O amor todo o pode. Se exiten moitos celos é polo moito que nos quere. Se nos humilla é porque tivo un mal día, pero no fondo é moi boa persoa. Se nos menosprecia é porque algo faríamos para merecelo. Se nos dá unha patada é porque perdeu os nervios, pero no fondo quérenos moitísimo. Debemos aguantar, estamos predestinados, é a salvación a nosa soidade, é o único medio co que contamos para ter unha vida plena. Por iso debemos permitir calquera trato con tal de que a relación continúe
Esaxero?
A media laranxa
Despois de ler os parágrafos anteriores, entenderás que a visión de parella que transmite o mito da media laranxa é terrible. Eso de “é que o necesito”, “estamos feitos o un para o outro”,“menos mal que nos atopamos”, etc. son distintas formas de expresar este absurdo mito que nos encamiña á un presente e un futuro moi escuro.
É algo prexudicial pero… É un argumento que se repite en multitude de películas e historias románticas. Dende as pantallas de cines ou televisións, contos, novelas, revistas, etc. trasmítesenos unha idea de amor romántico moi pouco saudable. Con este bombardeo “informativo” é relativamente sinxelo que esta mensaxe vaia calando no noso subconsciente e acabemos crendo, ou incluso defendendo, que somos seres incompletos sen o amor da nosa media laranxa.
Coñecedes a canción de “sin ti no soy nada”? Deberíannos sangrar os oídos cada vez que escoitamos este tipo de letras, e sen embargo entonamos a canción (ata se nos pon o ollo brillante se estamos algo sensibles) como se estivese escrita para nós. “Mi alma, mi cuerpo, mi vooooz, no sirven de nadaaa”.
Non lle quero botar toda a culpa á sociedade, á cultura, a Hollywood ou aos irmáns Grimm. Cada un de nós tamén ten parte de responsabilidade. Somos seres intelixentes, temos a capacidade para cuestionarnos o que nos venden os medios de comunicación ou o párroco da nosa igrexa. Pensemos de forma crítica, cuestionémonos as regras do xogo que nos “impoñen”. Deixemos de alimentar mitos absurdos. Racionalicemos, realmente credes que somos seres incompletos e só acharemos a felicidade cando atopemos a esa persoa que está predestinada para nós?
Eu dende logo teño a resposta moi clara.
Ti non necesitas a ninguén para sentirte, e ser, unha persoa completa
Non es un ser incompleto e a túa felicidade non depende de atopar a túa media laranxa. Recapacita.
“Nada máis velo, xa souben que era para min”. Un flechazo é algo simple, só se necesita atracción física e algúns intereses comúns para rellenar unha conversa e… Bolboretas no estómago, unicornios e arcoiris de cores! Como vamos a saber nada máis ver a unha persoa que é a nosa media laranxa? Sen nin sequera coñecela, só porque a bioquímica do noso cerebro non arrastra a unha fase de babeo e ganas de fornicio? Analízao, como podes estar convencido de que esa persoa é a túa media laranxa antes incluso de coñecela?
“É celoso porque me quere, ten medo a perderme”. Os celos non son un medidor do amor. Non son máis ca un signo de posesividade e debería ser un signo de alarma, non de alarma de “oh, ámame” senon de alarma “pés, para que vos quero!”.
“A miña parella coidame moitísimo, ben deito dela”. Se non es capaz de limpiarte só o cu e dependes dos demáis para alimentarte, por exemplo, entón claro que necesitas a alguén que te coide. Pero si es autónomo nas actividades da vida diaria e o que che pasa é que es un cómodo, non necesitas a unha parella para que te coide, necesitas un asistente.
“As tarefas da casa fágoas eu porque a miña parella non sabe ou non lle gusta, e non quero que se disguste”. As tarefas do fogar non se fan porque se disfrute limpiando a taza do váter, faise porque o hai que facer, é iso ou ter que andar pola casa en catiuscas. Aprender a limpiar o baño, cambiar as sábanas ou limpar os cristais non é tan complicado.
Se caes en erros como os que acabo de apuntar debes reflexionar.“Síntome incompleto sen unha persoa ao meu lado, por iso fago o que sexa con tal de non quedarme só”. Trata de mellorar a túa autoestima e intenta desengancharte da dependencia emocional, verás como o conto cambia. Naciches completo, o resto son patrañas.
Para rematar
Detente a cavilar, que é máis romántico, máis saudable, máis maduro… Estar coa túa parella porque estades condenados a encontrarvos? Ou porque vos elixístedes dunha forma libre entre milleiros de persoas compatibles?
Unha relación sana non se basea en dous seres incompletos que se necesitan, baséase en dúas persoas que son completas e que deciden ser felices unha ao lado da outra. “Ni más ni menos, ni más ni menos” que cantarían Los Chichos (terrible canción, por certo).
Non eres un ser incompleto, eres un ser íntegro. Non necesitas a ninguén ao teu lado para ser feliz. Non busques completarte por medio doutra persoa, non busques a felicidade no outro, búscaa en ti.
Psicóloga Janet Díaz
A túa psicóloga en Lugo