É moi habitual que familiares a amigos non sepan axudar dunha forma axeitada ás persoas que padecen depresión. Por iso se acaban escoitando cousas como:
“Tes que poñer da túa parte”
“Non sei por que estás así, se non che falta de nada”
“Non te queixes tanto, que todos temos problemas”
“O teu arránxase saindo un día por aí de farra”
Lamentablemente, estes “consellos” están á orde do día. Pero o certo é que frases coma estas, ainda que se digan con boa intención, non son nada apropiadas nin beneficiosas.
Coñecer a enfermidade
A raíz do problema está en que non se lle concede a importancia suficiente aos trastornos mentais. E é imprescindible que as persoas que conviven ou se relacionan cunha persoa deprimida, coñezan ben esta enfermidade. Porque para poder axudar, primeiro hai que comprender.
Na maioría dos casos, os seres queridos dunha persoa con depresión non fan comentarios contraproducentes adrede, fano por descoñecemento. Moitas persoas cren que a depresión é unha cuestión de vontade “se non sae da casa é porque non quere”, “tería que esforzarse máis”, “si se pasa o día na cama é porque lle da a gana”… Nada máis lonxe da realidade.
As comparacións son odiosas, pero aí van algunhas
A unha persoa que ten o fémur roto diríaslle “veña, a que esperas, ponte a correr!”?
A unha persoa con diabetes tipo 1 diríaslle “debes esforzarte máis para que o teu páncreas fabrique insulina”?
Está claro que non, verdade?
E sen embargo vese como correcto decirlle a unha persoa con depresión “cambia eses ánimos, non ves que non che pasa nada”.
Do mesmo xeito que unha persoa cunha perna rota non pode correr, unha persoa con depresión tampouco pode estar feliz e animada. Non se trata dunha cuestión de vontade. Así que se non culpas a unha persoa con diabetes tipo 1 por non crear insulina, non acuses á persoa que ten depresión por non ter ilusións nin ánimos.
A persoa deprimida xa sofre abondo, o último que precisa é que lle engadamos nós unha culpabilidade extra con comentarios ou consellos desafortunados. Se non sabes que dicirlle a alguén con depresión, é mellor que non digas nada. Limítate a escoitar e acompañar, estou segura de que iso o poderás facer, e ademáis sin correr riscos.
Non presiones
É fundamental que sepas que unha persoa deprimida non pode “poñer da súa parte” no momento máis agudo da enfermidade.
Si lle esixes un esforzo que lle resulta imposible de realizar, o único que estás conseguindo é que se sinta peor. A persoa con depresión non ten forzas, carece de ilusións, e por moito que lle digas que saia e se distraiga, non pode. Se lle insistes en que faga actividades para as que se sinte incapaz, estás axudando a que se sinta ainda máis culpable por non logralo. E créeme, abondo ten con toda a sintomatoloxía depresiva como para engadirlle máis sufrimento.
Conforme avanza a terapia e/ou a medicación, a persoa con depresión, paseniñamente, irá mellorando e será capaz de afrontar pequenos retos. O importante é que non a presiones, respeta os seus tempos e apóiaa en todo momento.
Lembra
A depresión é unha enfermidade grave que precisa da atención de profesionais da saúde mental, como psicólogos e/ou psiquiatras.
O papel dos amigos e/ou familiares, non é curar, é dar apoio. Apórtao do mellor xeito posible, e recorda que as boas intencións non son suficientes. Infórmate e, se o precisas, pide axuda.
Psicóloga Lugo
Janet Díaz