Por que nos sentimos tristes?
A tristeza é unha emoción básica necesaria para a nosa vida. Si, aínda que nos produce sensacións desagradables, é imprescindible para a nosa estabilidade e crecemento persoal. Pero ollo, tamén pode resultar prexudicial se non aprendemos a limitala e a xestionala.
A tristura acostuma a presentarse tras unha situación dolorosa relacionada cunha perda. Pode tratarse da perda dunha persoa (por morte, distanciamento, enfado, separación…) ou da perda dunha situación ou experiencia (despido de traballo, cambio de domicilio, fillos que abandonan o fogar, etc.).
Case sempre hai algo que xustifique por que nos sentimos tristes, se ti non atopas o motivo da túa tristeza, terás que reflexionar e buscar pistas que che indiquen a que perda te enfrontas. Debes ter en conta que non só podemos experimentar esta emoción por feitos que acontecen no presente, tamén podemos experimentala por feitos ocorridos no pasado ou polo que supoñemos que sucederá no futuro.
Todos pasamos por momentos tristes, e é de vital importancia darnos permiso a nós mesmos para sentirnos así ante determinados eventos. Hai que ter en conta que as emocións que non se expresan acostuman a estoupar cando menos se espera.
A tristura pódese xestionar con relativa facilidade pero, ainda que non é dañina en si mesma, debes prestarlle atención para evitar que se instale de forma crónica en forma de depresión. Tristeza e depresión NON son o mesmo, son conceptos totalmente distintos con puntos en común, motivo polo cal é habitual confundir os dous termos. A depresión, ainda que inclúe á tristeza, é algo moito máis serio, trátase dun trastorno psicolóxico.
Estratexias para aliviar a tristeza
Estes tres sinxelos consellos son solucións rápidas para mitigar a tristeza a curto prazo, poñen o fincapé en interrumpir a negatividade para romper cos pensamentos negativos e coa química cerebral da tristeza. Anímote a que os poñas a proba, realmente funcionan!
1. Centra a túa atención en algo diferente
Non sigas dándolle voltas ao que te entristece, non che vai a servir de nada! Cando te sintas triste, intenta pensar en algo alegre, queda con alguén divertido ou mira unha película graciosa, centrándote só niso. Dicen que non hai mal que cen anos dure, e a tristeza irase antes das nosas vidas se retomamos actividades que nos producen pracer. Querer estar de bo humor é imprescidible para estalo de verdade.
2. Reláxate
As técnicas de relaxación son moi eficaces, por iso che recomendo un exercicio moi simple que combina a respiración coa visualización:
Pecha os ollos e visualiza unha imaxe agradable que te tranquilice, a que ti prefiras, pode ser dende as ondas rompendo na beira do mar ata un gato lavándose. Mentres centras a atención nesa imaxe, toma aire pausádamente e expúlsao, unha e outra vez. Se intrusivamente chegan outros pensamentos, obsérvaos un momentiño e déixaos ir, non te centres neles.
Repite esta secuencia ata que sintas que te invade a tranquilidade. É normal que ao principio che coste centrar a atención, pero coa práctica conseguirás logralo.
3. Sorrí e ri
Sabías que cando rimos se incrementa a liberación de endorfinas e dopamina? O aumento destes neurotransmisores fai que nos sintamos mellor, así que intenta sorrir polo menos medio minutiño para que ao cerebro lle de tempo a xerar esa química do benestar. Ollo, no se trata de que reprimas a tristeza, tan só debes sorrir de vez en cando, si analizas a túa situación a fondo encontrarás máis dun motivo para sorrir. Pero non o fagas de cara á galería, non se trata dun “dientes, dientes, que eso es lo que les j***”, faino só por ti e polo teu cerebro.
Lembra
Se queres sentirte ben cambia o teu centro de atención, reláxate e sorrí. Non podemos evitar o sufrimento que nos provocan determinados eventos, o que si podemos evitar é o afrontamento inadecuado. Non sexas vítima da tristeza, compréndea e transfórmaa.
Janet Díaz Portela
Psicóloga social e sanitaria
Colexiada G-5097