Aguantas ata queimarte? O síndrome da ra fervida

Como cheguei a esta situación? É  unha pregunta que se fan moitos dos pacientes que atendo na miña consulta. Con frecuencia emprego o exemplo da ra fervida para explicarllelo, para que comprendan como acaban aceptando que os/as traten dun xeito inadecuado, porque continúan con relacións que non son de calidade, porque toleran faltas de respeto, etc.

 

A ra fervida

Cal cres que é a forma máis sinxela de ferver unha ra sen que escape? Veña, pénsao un momentiño.

Igual estás cavilando que o máis práctico e coller a ra e metela en auga fervendo, pero… Que acontece se metemos unha ra en auga moi quente? Pois que pega un salgo e se marcha pitando (máis ben croando).

Pero se poñemos a ra nunha pota con auga fría, sentirase agusto e quedarase. A continuación, se acendemos un fogón co lume baixo, a auga quecerá un chisco… A ra seguirá nadando tranquilamente dentro da auga morna, adaptando a súa temperatura corporal á da auga. Conforme aumenta a calor da auga, a ra adormecerase, atontarase. E  a medida que a auga quece máis e máis, a ra quedarase inmóvil, non intentará fuxir, ata acabar escaldada. Por que? Pois porque  inicalmente non percibiu ningún perigo e gastou tódalas súas enerxías en aclimatarse ás circunstancias, que foron cambiando (a peor) paseniñamente, ata quedarse sen forzas para escapar. E así, queridiños/as meus/miñas, é como se consegue meter a un ra en  auga fervendo sen que faga nada para intentar fuxir (non o fagades na casa!!!).

Pero… Que foi o matou realmente á ra? Foi a auga fervendo ou foi a súa incapacidade para decidir en que momento saltar?

 

As persoas a veces comportámonos como ras

Recapitulemos, se metemos unha ra en auga moi quente, esta fuxe. Pero se poñemos a ra en auga fría e lentamente a quentamos ata que ferva, a ra non percibe ningún perigo e non escapa porque non se plantexa que pode e debe salir de ahí. Pois ás persoas tamén nos sucede o que lles pasa as ras…

Se coñecemos a alguén e dende o primeiro momento vemos comportamentos nel/nela que non nos gustan, apartámonos inmediatamente. Raro é a persoa que despois de ter unha primeira toma de contacto castastrófica con alguén, se quede con ganas de máis. E se decide darlle outra oportunidade (porque é moi bo/boa samaritano/a) e o seguinte encontro é outro desastre… Pés para que vos quero!

Pero hai persoas ou situacións que nun primeiro momento son (ou parecen) agradables e, pouco a pouco, deixan de selo. Eses/as lobos/as disfrazados de cordeiriños/as. Xa sabedes a que me refiro… Todo é fantástico (aparentemente) e, moi moi paseniñamente, comezan a ensinar os dentes. Non é ouro todo o que reluce.

Neste segundo caso, non somos conscientes do perigo que nos asexa. O empeoramento emocional que experimentamos é tan lento, que apenas nos decatamos del e isto fai que non nos resistamos. Ante os pequenos desgustos facemos todo o posible por sobrepoñernos e cando nos facemos conscientes da situación dañina na que estamos envoltos/as, non nos quedan forzas para escapar.

 

Non xuzgues

Aguantar e aguantar ata acabar queimado/a, crer que non hai saída para esa situación… Isto pode ocorrer tanto no ámbito familiar, de amizades, laboral ou sentimental. Que tire a primeira pedra a o/a que non se viu inmerso neste círculo vicioso que nos queima emocionalmente ata deixarnos sen forzas.

Recorda que as persoas, ao igual que as ras, se as metes de repente en situacións insalvables, moi agresivas, tendemos a a fuxir. Pero cando o empeoramento é gradual, non escapamos.

Así que cando vexas unha situación de abusos dende fóra, non digas: “puff, como é posible que aguante iso?”. E moito menos xuzgues: “que burro/a é”,  “hai que ser moi parvo/a para soportar ese trato@”, etc. Probablemente o que  lle sucede a esa persoa, ou o que ao mellor che está pasando a ti, é que a auga inicialmente estaba fría, e foise quentando pouquiño a pouco ata chegar á situación actual.

 

Psicóloga Lugo

Janet Díaz

 

Bibliografía

Clerc, O. La rana que no sabía que estaba hervida (2005)


Notice: Undefined index: opcion_cookie in /home/psicol31/public_html/wp-content/plugins/click-datos-lopd/public/class-cdlopd-public.php on line 416

Notice: Undefined variable: input_porcentaje in /home/psicol31/public_html/wp-content/plugins/click-datos-lopd/public/class-cdlopd-public.php on line 484